Opinión

7 dos 77 haikus

Bashō 
Serán de outono,
       Un corvo pousado
              Nunha ponla núa.
    
Buson
No fondo da fraga
       O fura-paus
              E o bourar do machado.

Serán de outono;
      Tamén hai ledicia 
             Na soidade.

Serán de outono;
      Penso só 
               Nos meus pais.

Gochiku
A longa noite;
      O murmurio da auga
            Di o que eu penso.

Mōen
Baixo a lúa de outono
      As ás da libeliña
              Inmóbeis.

Gyôdai
Montes de outono;
        Aquí e acolá
               Sobe o fume.


No Souto da Rubial as tollemerendas pechan o verán e nas antoloxías os haikus aparecen agrupados por estacións. Non é o caso dos 77 HAIKUS da antoloxía de Consuelo Devesa (Espiral Maior, 1993) da que traemos 7 haikus de outono para levar no peto, twittear ou pendurar dun imán na neveira. Durante a estación que vén podemos acadar o satori ou grao de sensibilidade poética segundo o noso grao de exposición, condición necesaria de apertura para a lectura da poesía.

Uxío Novoneyra no epílogo da antoloxía 77 HAIKUS apunta sobre o haiku: 

17 sílabas bastan para trazar as cooordenadas situadoras dun intre co espacio e o tempo aberto i en transcurso. Lingoaxe común non especializada literaria ou académica. Linguaxe da experiencia íntima. Inda sendo ás veces o haiku tan sotil e delicado rexeita o refinamento distinguido. A estructura da suxerencia no estadio da pre-forma opera coa complicidade total do silencio.

A antóloga Consuelo García Devesa (Santiago de Compostela, 1938) realizou estudios de Filosofía e Letras na USC e no ano 1964 obtivo a licenciatura en Linguas Modernas pola Universidade de Madrid. Doutorouse cunha tese titulada "Contribución ó estudio do Renacemento en Galicia no século XVI". Catedrática na Universidade de Fairfield (Connecticut), conferenciante, relatora en congresos internacionais, é autora de numerosos estudios literarios, entre eles: Labirintos de identidade: mostra de poesía latina nos Estados Unidos (Espiral Maior, 1998) e "O orientalismo en Novoneyra", ensaio publicado na revista Grial. Hoxe retornada, vive en Compostela.

Comentarios