Opinión

30 anos queimados

Os castiñeiros queimados dos soutos do Courel expuxéronse por primeira vez no ano 1991. Acolleunos un espazo histórico, hoxe desaparecido, a emblemática Galería Sargadelos que foi durante décadas un pulmón da cultura do país e un lugar vivo dunha capital moi distinta da actual penetrada polo turismo. Comparamos hoxe Compostela cun monocultivo no que non é doado que agrome a diversidade cultural.

Mais fagamos camiño de volta. Daquela Uxío Novoneyra escribiu un texto para acompañar o catálogo da primeira exposición do fotógrafo e médico coruñés Federico García Cabezón, que escolleu a Serra do Courel como terra de pertenza. Ao final do artigo reproducimos as liñas finais daquel texto que falan por si mesmas e recuperamos un poema sobre a serie fotográfica dos Queimados que o poeta datou no mesmo ano:

SOUTO de Leburín

amarelo antetempo

e aburado por fin!

O pasado 26 de agosto abrimos o Festival dos Eidos en Parada do Courel coas imaxes das árbores queimadas dun dos incendios que sufrimos en bucle. Pendurados no Souto da Rubial sobre a cortiza de castiñeiros vivos, sostivemos os queimados fai tres décadas. A historia negra retorna e continuamos coa teima de pensar a Terra Courelá como unha montaña habitada, unha Serra aberta cara un futuro vivo que demanda outra política territorial.

Un debate en ocasións desnortado pola repetición dos tópicos sobre os motivos dos lumes. Escoitamos repetidas veces que o monte está sucio, que hai que limpalo, que os incendios temos que apagalos en inverno, que existe unha mafia forestal pirómana, unha man negra contra a que non podemos loitar nin conseguir acordar un modelo apagable para facer fronte a un dos meirandes problemas que destrúe o país.

Nós no Courel estamos coa uz e o carpazo, non cos intereses dun modelo obsoleto que xoga a agochar e confundir o que non convén salientar. Desde fai ben tempo non mercamos o vello conto que bota balóns fóra para evitar a toma de decisións urxente que precisa a montaña galega para transitar cara a un futuro mais xusto e libre. As institucións abandonaron fai décadas o mundo agrario, dentro e fóra, iso foi un erro que agora, cando morreron os últimos labregos, non podemos emendar. Mais podemos buscar novos modelos con memoria que constrúan un territorio rural diverso que contemple os territorios remotos de montaña de modo distinto ás chairas ou aos territorios rurais das cidades, moitas veces esquecidos e desmellorados fronte aos investimentos no centro das cidades. Algunhas veces os veciños dunha parroquia dunha capital como Santiago de Compostela atópanse abandonados como na montaña, esquecidos polas institución que no seu momento non quixeron pensar e apostar polos espazos lindeiros e desacoplados dos centros cidadáns.

Xornada inaugural do Festival dos Eidos (Foto: Miguel Anxo Lar).
Xornada inaugural do Festival dos Eidos (Foto: Miguel Anxo Lar).

Pola memoria longa e para posibilitar un espazo crítico sobre os incendios libre de tópicos, quixemos traer aos soutos aínda verdes, aínda vivos, a fotografía artística da serie dos Queimados. Despois do incendio que arruinou a metade da serra courelá, a exposición tivo por obxecto espertar a conciencia do público do Festival dos Eidos e provocar, co mesmo espírito de hai tres décadas, a necesidade dunha reflexión comunitaria que impulse outros modos de supervivencia cos que soster habitada a montaña.

Nestas liñas escritas por Uxío Novoneyra hai 30 anos escoitamos algo moi fondo que sentimos cando pisamos as zonas estragadas no último incendio, tamén cando paramos un minuto diante de calquera das fotografías de Federico García Cabezón para escoitar que é o que nos contan ás árbores negras da montaña:

Parece como se estes castiñeiros QUEIMADOS do
Courel amosasen a sua morte como beleza só para
que reparemos neles e no expolio feito á Naturaleza
Terra, somentes comparable o expolio na libertade e
da dinidade humana, no soño do posible certo, así
como na memoria colectiva e na conciencia activa. A
Terra claméa nestas figuras, ás veces zoomórficas,
como claméa o home. Como se tivera intención. Sin
proporse, reclama solidaridade ou salvación cando
unha cámara enfocada fai a escoita debida. Nós
debémoslle atención, debémoslla por pura pertenza.
Este é o fundamento, a xustificación de toda
fraternidade, xa que esta non é un impulso, un pulo
gratuíto ou arrogante. Non é nin o foi nunca, senón
algo sencillamente necesario.
Fotografía con ideoloxía. Mais tamén libre canto,
beleza amada, terra escolleita.

Xaneiro de 1991

Novoneyra

Comentarios