Opinión

Vítimas, vitimarios e migrantes

"Non traballamos baixo focos escintilantes nin na grande pantalla". Así saudaba a Alianza Nacional de Campesiñas o impulso que tomaba no 2017 a consigna Me Too, desta vez ao fío das denuncias contra Harvey Weinstein. "Traballamos nas sombras da sociedade, en fincas illadas e empacadoras fóra da vista e da mente da maioría da xente deste país", continuaba o reclamo destas labregas maiormente latinas.

Esta clandestinidade, este existir fóra de foco das traballadoras máis precarias e, nomeadamente, as migrantes —e, claro, as mulleres— non é un asunto conxuntural ou que dependa da ética de cada sociedade. Todo ao contrario: forma parte dun auténtico programa político de disciplinamento da man de obra, que goberna os fluxos migratorios baixo "un desexo apaixoado de traballo máis barato e servicial...", como recorda Marx nunha cita de Herman Merivale.

No libro colectivo Las luchas de los sin papeles y la extensión de la ciudadanía o antropólogo Alain Morice afirma algo que resulta de plena actualidade no contexto español:
"A lei funciona como unha espada de Damocles, e a súa función non é a de expulsar ao migrante que entrou de forma clandestina, senón recordarlle constantemente a precariedade da súa situación, o que se supón que garante a súa submisión á orde económica e social".

Nas pasadas semanas estouraba en Tordoia unha trama de explotación agraria de traballadoras migrantes logo da comisión dun repertorio de crimes sinistros contra compañeiras e compañeiros da CUT, que van da detención ilegal e o sometemento armado á estafa, pasando pola xa tradicional apropiación gratuíta do traballo. Que alguén decida someter de maneira reiterada a ducias de traballadoras migrantes a ese grao de violencia non ten tampouco a ver (ou non demasiado) coa condición humana e ética do vitimario. Non se trata dunha pulsión xenófoba individual ou dun devezo cruel de ver sufrir ás vítimas. Sumarse a este tipo de explicacións derivadas de psicanálises de palla fainos perder a perspectiva de que o capitalismo promociona e precisa deste tipo de feitos atroces para operar a pleno rendemento.

Os crimes máis detestábeis contra as obreiras estranxeiras que aquí se cometen son posíbeis porque o marco normativo español, e esencialmente a Lei de Estranxeiría, actúa como un veo que agocha e protexe estas condutas. Tal nivel de tolerancia á violencia e tal grao de impunidade é resultado directo da actividade parlamentaria de forzas políticas que decidiron darlle á patronal traballo servicial, barato e amortallado. Non hai inocencia ou irresponsabilidade en manter normas como a Lei de Estranxeiría, é unha decisión política que constitúe un acto de pura violencia salvaxe. E estas decisións non se poden avaliar dende a ética: o arco parlamentar sostén este acto de barbarie porque os intereses que protexen, os do Capital por riba das persoas, precisan desa orde, ese crime e esa disciplina. Tamén a propia Administración a través das razias, redadas, ordes de expulsión e fustigamento policial dirixidas contra traballadoras migrantes organiza e asegura o silencio, o medo, a indefensión e a impunidade.

Cando a CUT inviste uns recursos de seu limitados na persecución desta forma de barbarie non o fai con vontade humanitarista ou caritativa, de todo allea ao sindicalismo de clase. A aposta sindical que hai atrás disto, alén da obvia autodefensa das traballadoras e compañeiras, é xerar un debate político no que se someta a cuestión que a propia dinámica do capitalismo neoliberal devora vidas e corpos. A estes crimes non se lles pode facer fronte coa toga, nas escuras estancias dun xulgado. Detelos implica organizar a unidade popular para derrubar un sistema con sede de man de obra a custo de vidas, denunciar e facerlle fronte con intelixencia colectiva ás institucións colaboracionistas.
A responsabilidade do sindicalismo combativo é encher de focos escintilantes os lugares onde a sociedade traballa en sombra. Poñerlle luz ás fincas illadas. E, por riba de todo, defender a receita revolucionaria que nos dá a esperanza de saber que o capitalismo é un proceso histórico que con perspicacia e unión pode, e debe, ser superado.

Comentarios