Opinión

Aquí en Sobredo, izados os mortos sobre nós

A memoria das obreiras e obreiros está atribulada de mortes. Sen ningunha caste de conciencia fomos aprendendo os nosos primeiros andares sobre puñados de terra cheos de memoria. Pertencer á nosa clase é en grande medida camiñar sempre para diante, pero tamén un convulso andar cara ao fondo. 

Nos lindeiros da que din terra dos salgueiros (Salceda de Caselas), e do municipio ao que Diomedes, fillo do heroi Tideo, semellou darlle nome (Tui), danse a man as parroquias de Budiño (onte tiveron a ben nacerme) e Guillarei. Nesta sutura parroquial ábrese de azas coma un paxaro o topónimo Sobredo, que hoxe por hoxe é unha das moitas casas que a memoria agraria e proletaria do noso país ten. 

Pola volta do mes de xuño de 1922 celebrouse en Tui o Congreso Rexional Agrario que acordaba a insubmisión ao pagamento dos foros. Explícao ben Manuel Bragado: “Un boicot, asumido por 133 sociedades agrarias parroquiais, co que se pretendía rematar cuns contratos forais, propios dun réxime escravista medieval, que obrigaban os labregos a pagar unha renda anual, case sempre á altura do san Martiño, ben en especie (millo, viño ou animais) ou en cartos, aos donos da terra que traballaban. Unha reivindicación que provocaría o 6 de novembro a detención dos membros da directiva da Sociedade Agraria de Ribadelouro, o comezo dunha posterior folga na bisbarra e a clausura de locais das sociedades”.

En Sobredo estarreceu de ira, medo e dignidade o movemento agrarista o 28 de novembro dese mesmo ano

En Sobredo estarreceu de ira, medo e dignidade o movemento agrarista o 28 de novembro dese mesmo ano, tan só catro meses despois do Congreso. Ignacio Gómez, tendeiro, cumprindo co mandato asemblear opúxose ao pagamento dos foros. O xesto, ousado, convocou ao xuíz e ao seu mandado a un rexemento da Guardia Civil para executar propiedades deste veciño. Quizais sexa por isto que hoxe, coas execucións bancarias, Sobredo está de tan condenada actualidade. Pero ollo, a súa decisión tamén convocou, ao son das campás frenéticas das igrexas parroquiais da contorna, ao campesiñado das bisbarras veciñas tan perserverantemente solidario como desarmado. Nesta loita desigual caeron baleados os corpos de Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis, Joaquín Estévez Besada, de Soutelo, e Venancio González Romero, dirixente agrario da miña parroquia. Outras sete persoas sufriron diversas feridas.

Foi o escultor de Lavadores Camilo Nogueira (pai do recentemente homenaxeado e querido nacionalista vigués) o que escribiu unha fermosa pedra para as asasinadas e asasinados. No 1931, pagado a través dunha subscrición popular estimulada polas cabeceiras informativas agrarias, colocouse a primeira pedra dun monolito que baixo as lendas de Paz, Trabajo e Libertad congregou un ano máis tarde, nunha multitudinaria homenaxe republicana, a xentes de ben como Antón Alonso Ríos. Soamente pasou catro anos en pé, en 1936 o odio fascista esborrou con dinamita este monumento ciscando e agochando os restos.

Neste pobo teimudo a historia non remata como lle tería gustado aos vencedores. E a coraxe e a dignidade vencen decote o medo. Na curva de Sobredo que as persoas máis idosas coñecían como a da “Estatua”, cuberta dunha mesta siveira, o movemento veciñal das nosas parroquias foi atopando un enigma de pedras rachadas, ciscadas, ás que de primeiras non lle atoparon sentido. A máquina desbrozadora foi daquela unha ferramenta cargada de esperanzas insumisas ao servizo do descubrimento popular. Logo dun intenso traballo de documentación aparecéuselles toda esta historia que vimos de contar entre os retallos graníticos. Por iso  argallaron unha Xestora con intensa participación do movemento mancomuneiro da bisbarra e fixéronlle o pedido ao escultor Velasco de reconstruír as pezas recuperábeis do que xa era para elas e eles o memorial aos Mártires de Sobredo. No 1988 en pé, de novo. Unha conxura escultórica que denuncia a desvergoña do poder e renuncia á desmemoria.

Neste pobo teimudo a historia non remata como lle tería gustado aos vencedores. E a coraxe e a dignidade vencen decote o medo

Sobredo é isto. O lugar das pequenas cousas. É o esforzo veciñal por tecer o seu pasado. A vella voz de Dulcísima, que bregou nas leiras deica que a morte bregou con ela, recordando esborroada esta revolta campesiña da súa infancia. A persistencia de José Trillo, veciño de Guillarei, que segue a exercer de poeta popular para que ninguén esqueza. O vestir de domingo dos netos e netas dos asasinados na homenaxe que anualmente se celebra. En Sobredo podes aínda acariñar a pedra que preparou Camilo e meter os dedos nos barrenos cos que o fascismo rebentou a estatua. E alí tremer de terror histórico.

Para min tamén é historia persoal. Cando pícaro, pasabamos as tardes de novembro no salón da casa pregando os trípticos informativos da homenaxe anual. Ou ben convocando a veciñanza pola megafonía do coche familiar cunha reiterada locución da que me facía cargo e que era como a seguir: “homenaxe aos Mártires de Sobredo, asasinados a sangue fría pola Garda Civil o 28 de novembro de 1922...”. Esta actividade (semella que subversiva) aparellounos desquiciados altos da Garda Civil para nos sancionar, despois dunha entregada inspección do vehículo, por un exemplo, pola ausencia de calquera piloto na caixa dos repostos.

En Sobredo podes aínda acariñar a pedra que preparou Camilo e meter os dedos nos barrenos cos que o fascismo rebentou a estatua

Pero a pesar deles, dos que venceron e dos que administran a vitoria, Sobredo segue en pé. E nos agros de Sobredo na mañá do domingo 28 de novembro volvimos atoparnos como ano a ano. Aquí estamos. Seguimos pasando megafonía doutros coches, organizándonos noutras loitas sociais, políticas ou sindicais. Seguimos defendendo como sabemos as causas máis xustas. E seguimos acudindo aos agros de Sobredo insistentes, irreductíbeis, para pedir paz, traballo, xustiza e liberdade.

Comentarios