Opinión

Represión, Revolución, Violencia

Despois dunha semana de reflexión, lectura de opinións diversas e contrastadas sobre a folga estudantil na Galiza do pasado 20 de febreiro, cómpre facermos valoración sobre os resultados desta xornada, os nosos inimigos e os feitos acontecidos. 

Despois dunha semana de reflexión, lectura de opinións diversas e contrastadas sobre a folga estudantil na Galiza do pasado 20 de febreiro, cómpre facermos valoración sobre os resultados desta xornada, os nosos inimigos e os feitos acontecidos. Primeiro de nada, é preciso recoñecer o alto seguimento da greve por parte do estudantado galego que, a pesares das condicións meteorolóxicas e de todas as circunstancias que estaban na nosa contra, baleiramos as aulas de todo o País; conseguindo que fosen máis de 7500 estudantes as que saímos á rúa na defensa dun ensino público, galego, democrático, non patriarcal e de calidade.

"Temos que rematar con leis educativas impostas polo Partido Popular e polos sectores máis reaccionarios da dereita española".

A mocidade galega precisamos facernos oír fronte as políticas educativas de privatización e elitización que poñen en perigo un sistema educativo público sostíbel. Os inimigos son claros e hai que combatelos, deixándoos sen o único apoio que lles queda, que é a maioría silenciosa. Temos que rematar con leis educativas impostas polo Partido Popular e polos sectores máis reaccionarios da dereita española. Como parte do pobo, temos o deber de poñerlle fin a esta perda de dereitos que nos está a levar a tempos do Franquismo. E para iso, precisamos organizármonos e facermos todas un traballo diario nas aulas de todo o País. Un traballo de difusión de información, un traballo didáctico que obrigue á reflexión, un traballo que varra a desinformación na que está sumida gran parte da mocidade galega e lle permita ser soberana sobre si mesma.

O pensamento crítico e o coñecemento de causa, son as bases para que nós, o estudantado galego, respostemos a todos estes ataques neoliberais que estamos a sufrir ano tras ano. Os métodos á hora de dar resposta, son moitos, moi diversos e discutíbeis, mais na súa maioría lexítimos e respectábeis, pero nunha reivindicación hai que ter claro: un obxectivo, a utilidade e eficacia das accións que se leven a cabo. A análise deste propósito é básica á hora de saber se se está a facer o traballo ben ou mal, se se está a representar e a favorecer á sociedade ou non.

"Máis unha vez asistimos á identificación e retención de persoas sen motivos, xunto á confiscación de paus de bandeiras da patria, amparándose nunha Lei de Seguridade Cidadá, que nin sequera está aprobada".

O pasado 20 de febreiro, en Vigo e Compostela, presenciáronse illados actos violentos dunha minoría do estudantado que nubraron o éxito da folga e terán un efecto desmobilizador sobre unha parte da mocidade reivindicativa destas cidades. O medo á brutal represión actual sumado á coacción, está a deixar a cada vez máis estudantes na casa e isto, non debemos permitilo. Mais tamén temos que engadir o uso que fai o poder deste tipo de situación e a rendibilidade que lle saca, apoiado polos medios de comunicación sistémicos que prestan atención única e exclusivamente a accións puntuais, mentres milleiros de estudantes nos manifestamos pacificamente xuntas por un ensino público e galego. Estaría ben reflexionarmos sobre a problemática informativa que acontece nestes casos, facendo saltar ás primeiras planas dos xornais temas que non saltarían de discorrer as mobilizacións sen incidentes.

Por outra banda, tamén é preciso denunciar a represión e provocación policial, no transcurso das diversas manifestacións do pasado 20F. Máis unha vez asistimos á identificación e retención de persoas sen motivos, xunto á confiscación de paus de bandeiras da patria, amparándose nunha Lei de Seguridade Cidadá, que nin sequera está aprobada. Atopámonos ante un suposto corpo “de protección da seguridade cidadá” que unicamente ten o obxectivo de amedrentar ao estudantado galego tanto con ameazas, como con brutais cargas policiais ou sancións económicas.

Após o éxito da folga estudantil do 20 de febreiro o estudantado galego temos que continuar informando ao resto de estudantes dos ataques do partido popular ao ensino, organizarnos nos nosos centros de estudos e facultades e continuar a traballar para saír á rúa nos vindeiros meses. Por diante: reflexión, intelixencia e moito traballo.

En pé por un ensino público e galego!

Comentarios