luns 13.07.2020

Utilitarismo e perversión sanitaria

O utilitarismo é unha teoría ética que, aínda que ten algún precedente na filosofía grega, nomeadamente na epicúrea, desenvólvese entre os séculos XVIII e XIX tendo como representantes principais a Jeremy Bentham e John Stuart Mill. Vinculada ao empirismo británico e cunha forte ligazón co consecuencialismo, defende que o criterio moral para avaliar as accións depende do resultado obtido, de modo que as condutas mellores son aquelas das que se desprende unha maior utilidade.

A pesar do esforzo de diversos autores que na contemporaneidade o usan dende unha perspectiva progresista e mesmo radical, caso do filósofo australiano Peter Singer, o certo é que o utilitarismo non ten demasiada boa prensa entre a esquerda política, na medida en que os seus postulados principais habitualmente foron e son empregados polos teóricos liberais para explicar os principios de eficiencia e rendibilidade que xustifican o funcionamento da economía de mercado. Nesa medida, adoitan entender o útil como aquilo que dá beneficio, o que permite optimizar os recursos, calculando os posibles custes coa fin de reducilos e obter un maior rendemento, o cal se mide xeralmente en termos de plusvalor. De modo que o utilitarismo moitas veces é concibido como a filosofía que lexitima a sociedade da libre competencia no marco do capitalismo de consumo.

Tal debe ser precisamente o sentido que lle outorgaron tanto as persoas que xestionaron os servizos públicos, en xeral, e os sanitarios, en concreto, nos últimos anos no Estado español, e que reduciron o seu orzamento, o persoal e os recursos materiais, e, en consecuencia, debilitaron a calidade da atención sanitaria, como aqueles que redactaron a diapositiva que está detrás do instrutor médico do hospital de Parla de Madrid, quen foi gravado mentres explicaba ao seu equipo o protocolo a seguir ante un eventual escenario de colapso hospitalario. Tras el, se nos fixamos un pouco na pantalla que se sitúa ao fondo, pode lerse “sistemas éticos: unha ética utilitarista pensada para afrontar situacións de catástrofes”, a cal en termos concretos vén defender que, chegado un certo momento, e dada a insuficiencia dos recursos dispoñibles para afrontar a pandemia causada pola COVID-19, non quedará máis remedio que optimizalos, dándolle prioridade a aqueles pacientes que teñan máis posibilidades de seren salvados. O que en termos aínda máis específicos defende a negación e privación da atención hospitalaria a anciáns por mor de posuír estes un maior risco de morte en comparación coa xente máis nova. O perverso da situación non se lle escapa nin ao propio médico que está falando: “isto é un trauma”, sinala, antes de continuar argumentando a posición que supostamente promoveu a Administración madrileña.

Alén de que a confusión entre “útil” e “rendible” non lle faga xustiza ao utilitarismo ético —que, en cambio, usa criterios tanto cuantitativos como cualitativos, entendendo, por exemplo, que o útil é aquilo que proporciona maior pracer a un maior número de persoas e antepoñendo o ben común ao individual—, non estaría de máis que os xestores políticos, e máis aínda se o son de servizos sanitarios públicos, lembrasen a ética deontolóxica, de raíz kantiana, que defende que a lexitimidade das regras éticas máis básicas non depende das consecuencias ou dos efectos dos actos, senón do deber que vai implícito nelas, sendo isto o que as converte en valiosas como guías de orientación na conduta. No caso da ética sanitaria este deber, e contando sempre co consentimento do paciente, consiste na obriga de atender ao enfermo e tentar curalo, sen ter en conta características ou factores que poidan chegar a discriminalos. Un retorno aos principios deontolóxicos máis básicos, xunto cun importante aumento do investimento que garanta non só máis e mellores recursos materiais senón estabilidade laboral aos profesionais da saúde, axudaría a devolver a dignidade tanto aos traballadores como á totalidade da política médica, permitindo conseguir á vez, agora si, unha calidade óptima na atención sanitaria. 

comentarios