Opinión

Quen decide quen decide

O menosprezo mediático da vontade popular de Crimea, que optou por unirse a un estado tradicionalmente imperialista, como é o ruso, e o menosprezo mediático da vontade popular catalá, que optou por poder decidir se desunirse ou non dun estado tradicionalmente imperialista, como é o español, son dous exemplos tan frustrantes para os defensores da verdadeira democracia (a dos pobos) como clarificadores na revelación do auténtico paradigma xeopolítico mundial: imperialismo-nacionalismo.

O menosprezo mediático da vontade popular de Crimea, que optou por unirse a un estado tradicionalmente imperialista, como é o ruso, e o menosprezo mediático da vontade popular catalá, que optou por poder decidir se desunirse ou non dun estado tradicionalmente imperialista, como é o español, son dous exemplos tan frustrantes para os defensores da verdadeira democracia (a dos pobos) como clarificadores na revelación do auténtico paradigma xeopolítico mundial: imperialismo-nacionalismo.

"O paradigma imperialismo-nacionalismo funciona cunha eficacia cuase matemática na explicación dos resultados acadados polos diferentes pobos nos conflitos de intereses que se producen na interacción dos países, tribos e estados".

Este paradigma funciona cunha eficacia cuase matemática na explicación dos resultados acadados polos diferentes pobos nos conflitos de intereses que se producen na interacción dos países, tribos e estados. Desde logo, reflicte moito mellor a nosa realidade actual que a dicotomía das esquerdas e as dereitas, un binomio de pensamento colectivo moito máis abstracto e que, en última instancia, case se converte nunha diferenciación entre o que está ben e o que está mal en termos humanistas universais.

Embora, co paradigma imperialismo-nacionalismo seríamos capaces de representar o mapamundi nunha progresión xeométrica ideal de estados e países, onde a razón viría dada por un coeficiente ideal que definise o desenvolvemento social, económico e cultural inversamente proporcional ao imperialismo sofrido e directamente proporcional ao nacionalismo exercido. Os resultados máis altos serían acadados por aqueles pobos que conformasen os alicerces dos estados preponderantes na esfera mundial, cunha vocación claramente expansionista (moitas veces belicista) nos planos territorial, ideolóxico e cultural. Son os pobos que gozan de máis dereitos, non só dentro dos seus estados, senón que tamén teñen a condición de cidadáns preferentes e privilexiados noutros estados. Ascendendo, ou máis ben descendendo, nesta progresión iríamos atopando os países que desfrutan de menos dereitos, até chegar a aqueles que, por non ter, nin sequera teñen dereito a existir, como acontece con moitas tribos americanas e africanas, ou cun grande número de pobos nos estados modernos europeos, privados do dereito a decidir sobre eles mesmos se non é co visto e prace dos pobos superiores.

Galiza é un pobo europeo inferior. Se Cataluña non ten dereito a existir como suxeito soberano, como acaba de aperceber o Tribunal Constitucional español, moito menos o vai ter Galiza para desenvolver unha economía e unha cultura de seu!

Non, Galiza non ten dereito a existir; mais, amigho!... existe, e é consciente de que existe. Só así se entende que sigamos falando de “país” cando a nivel político levamos séculos degradados á categoría de rexión polo pobo superior. E é que a lingua pode traizoar até o máis españolista dos galegos. Que lle pregunten senón a Feijóo que razóns terá para definir a Galiza como “país” cando fala en galego (sobre todo en eleccións), aínda que rapidamente a desennobreza co concepto de “rexión” ou “comunidade” en canto abre o bico en español (sobre todo en Madrid).

"Ábrese pois a esperanza de que os sucesos que se están a producir en lugares como Crimea, Escocia ou Cataluña e a análise única, grande e libre que retransmitan dos mesmos a caverna mediática española poidan despertar algunha que outra conciencia revolta nas nosas latitudes".

Se é de vergoña allea ver ao teu propio presidente degradar cada vintecatro horas a túa terra, non fica curto o noxo que un sente ao ver comungar a moitos concidadáns co desprezo fedorento que emana dos medios de comunicación españois e galegos españolistas cara ás nacións negadas irmás, como Cataluña, colaborando, seica involuntariamente, no fomento dos valores que fixeron perdurar corenta anos de ditadura españolista: una, grande y libre. “Libre” de facer e desfacer ao seu antollo, enténdase o pobo superior: España sen “H”.

Paradoxalmente, a cada vez maior uniformidade do espectro mediático, coa xeneralización dos medios de comunicacións españolistas, económico-europeos e ianquizados, e a consecuente carencia de visións alternativas, deixa ao descuberto dun xeito moito máis nítido a súa manipulación unidireccional, sen que poida existir a día de hoxe ningún espectador reflexivo que non se decate desa pedagoxía subxacente nos autoproclamados “informativos”. Ábrese pois a esperanza de que os sucesos que se están a producir en lugares como Crimea, Escocia ou Cataluña e a análise única, grande e libre que retransmitan dos mesmos a caverna mediática española poidan despertar algunha que outra conciencia revolta nas nosas latitudes.

Os casos de Crimea e Escocia son dúas desas contadas excepcións nas que os propios condicionantes xeoestratéxicos dos pobos dominantes conceden un ápice de autodeterminación a estes pobos inferiores, alporizando a outras nacións imperialistas, non só porque poden fortalecer a un imperio rival, senón tamén, e sobre todo, polo medo ao efecto “contaxio” dentro das súas propias fronteiras. Como cidadán europeo de categoría inferior (rexional), a miña pregunta para os líderes destes pobos superiores sería a seguinte: contaxiarnos de que? Por favor, desenvolvan a súa resposta.

Comentarios