Opinión

Nacións que non importan

Hai nacións que só se coñecen polo alcume. Carecen de nome propio ou, polo menos, dun termo que as defina diante do resto de nacións sen necesidade de ter que utilizar máis adxectivos. Son as nacións sen personalidade.

Hai nacións que só se coñecen polo alcume. Carecen de nome propio ou, polo menos, dun termo que as defina diante do resto de nacións sen necesidade de ter que utilizar máis adxectivos. Son as nacións sen personalidade.

"Non, Galiza non é España... nin Francia, nin Alemaña, nin Chequia, nin Bosnia, nin Andorra; nin sequera é Xibraltar, Escocia ou Cataluña. Ningunha destas precisaría de máis adxectivos na cabeceira da intro de noticias da BBC News"

Galiza é unha destas nacións amorfas. O seu nome nunca aparecerá nun titular dun xornal como o New York Times, The Guardian, Le Monde ou o Bild. É posíbel que apareza como “España”, como “rexión española”, como “provincia española” ou que aínda precise de máis adxectivos que a concreten como apéndice dependente dun organismo principal; “rexión atrasada/pobre/periférica de España”.

Non, Galiza non é España... nin Francia, nin Alemaña, nin Chequia, nin Bosnia, nin Andorra; nin sequera é Xibraltar, Escocia ou Cataluña. Ningunha destas precisaría de máis adxectivos na cabeceira da intro de noticias da BBC News. Todas elas teñen personalidade propia e, diante da comunidade internacional, importan. Importan máis que Galiza, polo menos.

En Escocia máis do 44% da xente votou para que o seu país fose máis importante. Xa o era máis que Galiza, mais a moitos dos seus cidadáns isto non lles parecía suficiente.

"En Escocia máis do 44% da xente votou para que o seu país fose máis importante. Xa o era máis que Galiza, mais a moitos dos seus cidadáns isto non lles parecía suficiente".

Perderon por moi pouco, mais nunca unha derrota soubo tan doce. Hoxe Escocia é máis importante do que hai unha semana, e a súa independencia, aquela que a poñerá á altura de Irlanda, Canadá, Australia ou outras vellas colonias inglesas máis importantes do que é hoxe a vella nación escocesa, é só cuestión duns poucos anos.

Mais iso é o de menos para moitos galegos de garabata que pensan que ser importante non é importante ou o que é aínda máis certo, que non hai nada máis importante que o seu propio cú.  

Son os mesmos que pensaban que, na era da modernidade industrial, a agricultura e a pesca non eran importantes.

Os mesmos que viron no modelo “Spain is different” a oportunidade de transformar unha sociedade produtora por natureza nunha sociedade servil ao estilo das sociedades latifundistas españolas, e a economía do país se transformou no Xacobeo.

Si, son eles; os que imaxinaban que facer megabuques era menos importante que reconvertirse á nada.
E non marcharon, non. Seguen sendo eles os que pensan que só as solucións que veñen de Madrid importan, porque só Madrid importa, ou importa máis.

Porén nada diso tería importancia se, por unha vez, só por unha vez, fosen eles os que recoñecesen, alto e claro, que só a nós, unicamente a nós, os galegos, nos importa realmente o que vai ser de Galiza.
Ese é o paso máis importante que ten que dar o país, ou deixará de importar... para sempre.

Comentarios