Opinión

Las medallas Castellón

Castelao non é unha medalla, é o pai do NACIONALISMO galego. Está morto. Morreu en Buenos Aires, tras máis dunha década emigrado á forza para non correr a mesma sorte que Alexandre Bóveda, asasinado polos fascistas de Franco.

Castelao non é unha medalla, é o pai do NACIONALISMO galego. Está morto. Morreu en Buenos Aires, tras máis dunha década emigrado á forza para non correr a mesma sorte que Alexandre Bóveda, asasinado polos fascistas de Franco.

Manuel Fraga tamén está morto. Morreu na cama, como Franco. Deixou unha avenida e un mausoleo a pagar en cómodos prazos e pequenos xuros a perpetuidade. Polas mans de don Manuel pasaron moitos papeis de Franco, mesmo sentenzas de morte, e moitas medallas “Castelao”. Porén, insisto, Castelao non é unha medalla.

"Non se utiliza entón o nome do nacionalista galego máis ilustre da historia para premiar anti-nacionalistas, como quen lle pon Anduriña ao seu restaurante e logo serve “rajo con pimientos” na carta?"

O herdeiro de don Manuel foi Nuñez Feijóo, autor de frases máis ilustres que a ilustre figura do seu predecesor: “había nieve” – vacacións de inverno nalgures, pagadas por un narco-; “Poemas Gallegos” – a súa obra favorita de Rosalía de Castro, o seu “Quixote” galego-; “caprichos de la historia” - golpe de estado militar do xeneral Franco que acabou co asasinato, represión e emigración de miles de nacionalistas como Castelao.

O pasado fin de semana, Nuñez Feijóo entregou unha das medallas “Castelao” ­ a Pepe Domingo Castaño, galeguista radiofónico ilustre. Porque se pode ser galeguista e promocionar radiofonicamente para todo o Estado as vilas de Sanjenjo, La Coruña ou Orense. E logo non? Non se utiliza entón o nome do nacionalista galego máis ilustre da historia para premiar anti-nacionalistas, como quen lle pon Anduriña ao seu restaurante e logo serve “rajo con pimientos” na carta?

Hai algún problema logo con que o presidente galego gañe unha distinción en Portugal por promocionar o portugués en Galiza sen saber nen querer falar portugués, mesmo sentindo fobia pola normativa lusa? Portugal, onde o xenio galego se desenvolve en liberdade, dicía o rianxeiro. Pasa algo por que se culpe da perda de galegofalantes a esa pequena porcentaxe da poboación que máis fai polo idioma: os que pasan de ser un signo menos a un signo máis na estatística?

"Nas entregas das medallas “Castelao” – non, Castelao non é unha medalla – o cacique Feijóo podíase ter lembrado de Xosé Luís Bóveda"

Non pasa nada. Pódese ser galego sen falar galego; respeitar a Castelao sen respeitar ao nacionalismo; tratar o “Galicia, non debes chamarte nunca española” de Rosalía como unha errata de imprenta. Todo vale neste país porque neste país a memoria chega até onde deixan os caciques.

Nas entregas das medallas “Castelao” – non, Castelao non é unha medalla – o cacique Feijóo podíase ter lembrado de Xosé Luís Bóveda, fillo do mártir galego asasinado polo fascismo español, finado o día anterior despois de dedicar toda a súa vida a protexer do esquecemento españolizador a memoria do seu pai e da súa nai Amalia. Caprichos de la historia, non o fixo... preferiu honrar a figura do Rei de España, a súa Unidade e a Igrexa católica.

O cacique galego non é un ron, aínda que é moito máis prexudicial para o fígado, sobre todo cando o ves entregando medallas. Castelao foi un home que loitou toda a súa vida contra ese caciquismo que, segundo el, afundía as súas raíces en Madrid, e que hoxe entrega medallas co seu nome.

Por favor, non o esquezan; Castelao nunca foi unha medalla. Castelao sempre foi, sempre será, GALIZA.

Comentarios