Opinión

Érase unha vez... Cataluña

Aínda que o Spanish Media se empeñou durante moito tempo en quentarnos as neuronas con Podemos (e descoñecemos até que punto, como isca de distracción ou pílula reaccionaria en formato tripi dos medios cool do capital) o máis importante, histórico, transcendental e palpábel que estaba a acontecer no Estado español era o movemento social do povo de Cataluña. 

Aínda que o Spanish Media se empeñou durante moito tempo en quentarnos as neuronas con Podemos (e descoñecemos até que punto, como isca de distracción ou pílula reaccionaria en formato tripi dos medios cool do capital) o máis importante, histórico, transcendental e palpábel que estaba a acontecer no Estado español era o movemento social do povo de Cataluña. Un movemento tan forte que nin a arma política máis poderosa na era da teledirección, a ignorancia, puido frear. A bomba de máis de dous millóns de persoas votando estaloulles nas maos. O medo é libre.

 "O Spanish Media empeñouse durante moito tempo en quentarnos as neuronas con Podemos e o máis importante, histórico, transcendental e palpábel que estaba a acontecer no Estado español era o movemento social do povo de Cataluña"

Falo de acontecemento histórico importante, porque o nacemento ou morte dun Estado é sempre o fito máis importante no devir da Historia.

Transcendental, porque os efectos deste fito van máis aló das fronteiras físicas do povo que se poida independizar.

Mais, sen dúbida, o que máis caracteriza a este feito político é que é palpábel; notoria e inmediatamente palpábel. Polo menos, moi diferente ao que estamos acostumados na nosa política actual, con entes situados a miles de quilómetros promulgando decretos a contagotas co suficiente lapso temporal para mitigar os protestos. Neste caso, no que está en xogo, nada máis e nada menos, que o principal axioma da política, o que define á sociedade mesma que se intenta auto-organizar (moi ben, comecemos desde o principio!), neste caso, digo, o conxunto dos cidadáns, o 100%, sen excepcións, é ao mesmo tempo suxeito e obxecto político. O que todos decidan será o que aí, e só aí, se faga, e a todos afecte.

Alén de que o obxecto final do núcleo base do movemento formado por millóns de persoas sexa acadar a plenitude como povo, sen condicións suspensivas de españolidade, o principal, e o que está abraiando ao Mundo, son as formas: o voto, a democracia directa do povo para o povo... mesmo sen a axuda do Estado!; democracia real, da verdadeira, tan real que case se pode tocar. De tal xeito que, de se consumar a independencia, sentará un precedente moi difícil de esguellar no futuro Estado catalán. Será un Estado que colla inercia desde a democracia directa dos seus cidadáns, e non desde a vontade unipersoal dun ditador ou dun monarca corenta, oitenta, cen ou quiñentos anos atrás.

"Cataluña teno claro; Euskadi seguirá o seu ronsel; e aos dous iralles mellor. Sempre lles foi. O resto de povos do Estado español atenderán á teledirección. E que hai de Galiza?"

Coincidindo no tempo, o movemento mass media “we can”, chamado a renovar o valor da democracia Española, estende os seus tentáculos polo resto do territorio estatal, salvo naquel que ocupan os irredutíbeis cataláns e vascos, sen indicios de que se estea a repartir nin unha migalla dese poder concentrado no pequeno comité madrileño de sabios e asesores de imaxe.

Cataluña teno claro; Euskadi seguirá o seu ronsel; e aos dous iralles mellor. Sempre lles foi. O resto de povos do Estado español atenderán á teledirección. E que hai de Galiza? De momento é un vulto sen forma nin contido, en proceso acelerado de castellanización, nese todo que chamei resto.

Mais non é momento para a desesperanza. O país aínda non perdeu por completo o rumbo. Polo menos fica fóra de toda dúbida que, a estas alturas e co exemplo catalán en marcha, os galegos xa temos claras tres cousas:

Nuñez Feijóo non é Artur Mas. 

Dúas, as políticas insubmisas e rebeldes son incompatíbeis cos caracteres submisos e condescendentes.

E tres, que para poñer ao país no centro do mundo non era preciso, mira ti, gastar tanto carto en traer ao Papa.

Comentarios