Opinión

Cuestión de prioridades

Hai unhas semanas un exército dizimado de tanques agrícolas despregábase en diversas localidades da xeografía galega

Hai unhas semanas un exército dizimado de tanques agrícolas despregábase en diversas localidades da xeografía galega, fundamentalmente na súa capital. A diferenza dos tanques utilizados por nacións soberanas máis agresivas, os empregados nesta ocasión eran do tipo “tractor”, sen maior perigo que que che pille un pé cunha roda, feito altamente improbábel cando se circula a velocidades inferiores aos 20 km/h.    
                      
A pesar dos intereses lexítimos defendidos -que se pague aos gandeiros un prezo que non sexa inferior ao custe de produción- e dos métodos non violentos empregados, o principal xornal do país (por número de exemplares vendidos), através dun dos seus principais columnista, Blanco Valdés, centraba a súa verbosidade nos problemas de tránsito ocasionados. Cun sector leiteiro ferido de morte e cando os medios de comunicación nacionais deberían estar arengando a toda a poboación galega para que saíse á rúa a apoialo, ao tertuliano pluriempregado do Grupo Voz, TVG e Radio Galega lle preocupaban máis os ruídos das bucinas e o tránsito lento. 

Vergoñenta, máis unha vez, a actitude dun xornal que se auto-proclama voceiro do povo galego. Mais claro, para axir de outra forma hai que ter primeiro conciencia de país.

A deputación gobernada polo PP galego semella tornarse unha especie de axencia de colocación, por escala de méritos: fillo de, irmán de, curmán de, esposa de...

Non, non estamos só ante unha cuestión de xustiza; a ruína dos gandeiros repercute directamente no despovoamento do territorio e no seu decrecemento produtivo. Ningún país pode aspirar a un desenvolvemento pleno sen un sector primario forte. O noso non é que sexa débil, é que se está a extinguir. 

Coa mesma aparencia de normalidade coa que se despachou como unha simple inconveniencia de tráfico un despregue sen parangón en Europa, exemplarizante pola súa auto-organización e pola defensa, ao mesmo tempo, pacífica e contundente do dereito a producir dun país, estase a despachar o novo escándalo de corrupción e violencia machista que afecta ao presidente da Deputación Provincial de Ourense. Despáchase como un “problemiña de saias”, unha loita interna do PP, un asunto persoal alleo ás súas funcións públicas... Desde logo, a atención da grande-empresa-impresa galega non se pousa nas gravacións, absolutamente repugnantes, entre a pobre muller e os Baltar, e que temos que procurar noutros medios de comunicación que non sexan o Grupo Voz, a TVG ou a Radio Galega. Tampouco na rede de favores que se deduce das mesmas, onde a deputación gobernada polo PP galego semella tornarse unha especie de axencia de colocación, por escala de méritos: fillo de, irmán de, curmán de, esposa de... A falta destas "capacidades", a última carta é deitarse cun puteiro. Mentres tanto, o PP galego, co seu presidente á cabeza (complicidade, que se di), convirte ao presunto acosador nunha vítima e á vítima... nunha puta. E o seu apéndice mediático facendo eco. Noxo. 

A tractorada calou, en espera dunha solución de país. Mais moito me temo que nas próximas semanas o seu problema, o noso problema, ficará abandonado nun caixón. Agora mesmo hai cousas máis urxentes que a propia nación que precisan de toda a atención do caciquismo máis machista e miserábel que un poida imaxinar.

Comentarios