Opinión

E se Castelao tivese sido español?

O goberno do PP vén de tomar unha das decisións máis insólitas de todos os tempos e países coñecidos.

O goberno do PP vén de tomar unha das decisións máis insólitas de todos os tempos e países coñecidos. Denega a tramitación, toma en consideración ou debate dunha iniciativa parlamentar popular “sobre o dereito ao coñecemento e a contemplación da obra de Castelao polo pobo galego”, respaldada por máis de 11.000 sinaturas de persoas adultas galegas e todos os grupos da oposición, cuxo único obxectivo era catalogar, reunir, protexer e fomentar a obra de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, a dignidade máis alta xunto con Rosalía de Castro coa que conta a cultura galega.

Fago meu, e galeguizo a xeito de reviravolta, un chío twitero que acabo de ver do antinacionalista Arturo Pérez Reverte: en Galiza (“en España”, di el) bótannos algo na auga.

Tarde piaches, Arturo… Levan quiñentos anos botándoo. Chámase “españolidade” (non confundir con “hispanidade”). En contacto con elementos vivos apátridas cría cipaios. Disolvente de culturas, linguas e estruturas socio-económicas autóctonas. Inmiscíbel coa diversidade. Axente reactivo testicular de povos con conciencia nacional.

Que mente máis orixinal, fóra de molde, hai que ter para publicar algo así hai máis de setenta e cinco anos! Pódese ser máis “rupturista”?

En todo caso, voltemos a Castelao, un pensador indiscutibelmente máis orixinal no que deterse que o twittero Pérez Reverte. Ben pensado, non é outra cousa que este pensamento tan vangardista para o seu tempo, e tan en voga no de hoxe, o que magoa ás mentes de imprenta que o menosprezan.

“Hespaña, cuio nome tivemos que humedecer cunha letra de máis para facelo respeitable aos nosos ollos, pois do seu goberno sóio se nos ocurre decir que é máis odioso por hipócrita que por tiránico. Sacámolle á verba España todo canto ten de prosapia castelán (abonda engadirlle unha H para derivala de Hispania) e con ela abranguemos a Península enteira, facéndoa sinónima de Iberia”. Que mente máis orixinal, fóra de molde, hai que ter para publicar algo así hai máis de setenta e cinco anos! Pódese ser máis “rupturista”?

Renunciaría un goberno inglés a catalogar, reunir, protexer e fomentar a obra de George Orwell; faría o propio un goberno francés coa obra de Victor Hugo, ou un español coa de Miguel de Cervantes?

Pecados (“malos pensamentos”) como este impiden que a obra de Castelao poida acadar algún día, no seu propio país, a repercusión que ten hoxe aquí o capitán América, perdón, Alatriste. E isto seguirá así, polo menos, mentres Galiza continúe presa dese sadomasoquismo cristián que sustenta nas súas institucións, aínda agora en pleno século XXI, á Inquisición española.

Que as dúas figuras máis xeniais do noso universo socio-cultural tiveran conciencia nacional diferenciada de España (“Probe Galicia, non debes chamarte nunca española”, Rosalía dixit) é motivo de excomuñón. Que pena de xente.

Renunciaría un goberno inglés a catalogar, reunir, protexer e fomentar a obra de George Orwell; faría o propio un goberno francés coa obra de Victor Hugo, ou un español coa de Miguel de Cervantes?

Non, tampouco o faría un goberno galego coa obra de Castelao.

Porque non é galego, non pode ser galego, non é digno de chamarse galego, aquel que repudia a obra do seu intelectual máis importante e converte a súa figura nunha caricatura, nun logo, nunha medalla de chumbo...

Comentarios