Opinión

Carta ao meu amigo Rajoy

"Creo que es mi obligación, que en este caso coincide con mi devoción". Aí lle deches, Mariano. Non falabas de acudir a un consello de ministros, a un cumio de líderes da UE, ou de facer unha visita á cerca de Melilla… Non, por suposto que non. Obviamente falabas de ir ver un partido de fútbol.

"Creo que es mi obligación, que en este caso coincide con mi devoción". Aí lle deches, Mariano. Non falabas de acudir a un consello de ministros, a un cumio de líderes da UE, ou de facer unha visita á cerca de Melilla… Non, por suposto que non. Obviamente falabas de ir ver un partido de fútbol.

"A final da Champions League, concretamente. Esa é a túa obriga, Mariano, que, ademais, coincide coa túa devoción. Que sorte".

 A final da Champions League, concretamente. Esa é a túa obriga, Mariano, que, ademais, coincide coa túa devoción. Que sorte.

Non creo que haxa maior felicidade que traballar no que a un máis lle apaixona. Niso coincides ti e calquera outro artista: un pintor, un escultor, un escritor ou un violinista. No teu caso, o que che pirra é o fútbol.
 
E inda por riba que che paguen cantidades astronómicas de diñeiro por iso, por A ou por B. Manda carallo, como os futbolistas.
 
Non podo ocultar canto envexo á xente coma ti, Mariano, que como non quere a cousa vive do conto un ano, dous, dez, vinte… "Galegos coma ti", xa o dicías ti á beira de Fraga naqueles carteis electorais de hai vinte e cinco anos. Galegos aos que lles fretan avións con extra de whisky e viño para ver un partido de "Los Rojos" en Polonia, con mil euros de cea para compartir cos colegas. "Con dos cojones", como diría El Cholo, outro artista que podería estar no teu gabinete.
 
Eu debo ter moi pouca sorte, porque non son deses galegos que, coma ti, lles pagan por ver partidos de fútbol. E non calquera galdrumada de partido de aficionados, de ligas infantís ou de minusválidos, por suposto que non; a final da Champions League, nada máis e nada menos! Galegos que irán a Lisboa a ver esa final e seguirán falando en español, porque non falan linguas inferiores. "It's very difficult todo esto", claro, xa llo dicías ao Cameron.
 
E é certo. É moi difícil levar ás costas por eses campos de dios a responsabilidade de ser presidente dun Estado, aínda por riba imperialista porén sen os medios de antano (a ver que facía Felipe II coa merda de escuadra que tes ti, e sen bases en ultramar, e cos cataláns máis insubmisos que nunca!).

"O día da final de Champions haberá miles de galegos que, coma ti, estarán vendo o partido para se esqueceren das súas miserias a conta do fútbol. Mais non te preocupes, Mariano, eu non me esquecerei de ti. De que estás cumprindo a túa obriga"


Con todo, Mariano, debo admitir que espero que non gañe a túa equipa, o Real Madrid. Non por que che desexe ningún mal, todo o contrario. É por puro egoísmo. Considero que a un presidente da túa categoría lle hai que sacar o máximo partido posíbel e sería terríbel que ficases na cama de resaca ao día seguinte. Vai ti a saber se ese mesmo día xoga algunha final Nadal ou Gasol, ou hai unha carreira de Fernando Alonso en Montmeló; vaste perder a sensación orgásmica de poder ir ao circuíto catalán con todas esas bandeiras rojo y gualda ondeando ao vento? Todo sexa por España, meu.
 
A túa marca España, Mariano… Non sei por que, mais teño a impresión de que o que menos che gustou dese slogan electoral de hai 25 anos foi a palabra "galegos" e que agora, como presidente español, cambiarías moito o conto. Intúo tamén que o día da final de Champions haberá miles de galegos que, coma ti, estarán vendo o partido para se esqueceren das súas miserias a conta do fútbol. Mais non te preocupes, Mariano, eu non me esquecerei de ti. De que estás cumprindo a túa obriga, e de que o fútbol é a túa devoción.

Comentarios