Opinión

Carta aberta a un bicho

Noxo. Auténtico noxo é o que sinto polo teu xornal. Un xornal capaz de violar a privacidade do cuarto hospitalario dunha muller enferma de ébola para publicar fotos dela semi-desnuda e con respiración asistida. Mesmo sendo galega, ou aínda con máis razón, por ser galega.

Noxo. Auténtico noxo é o que sinto polo teu xornal.

Un xornal capaz de violar a privacidade do cuarto hospitalario dunha muller enferma de ébola para publicar fotos dela seminúa e con respiración asistida. Mesmo sendo galega, ou aínda con máis razón, por ser galega.

"Un xornal capaz de violar a privacidade do cuarto hospitalario dunha muller enferma de ébola para publicar fotos dela seminúa e con respiración asistida".

Tampouco che agrilloou que fosen galegos moitos dos corpos escuartizados daquel tren que deixou de ser AVE desde o mesmo momento no que descarrilou nunha curva de Angrois. As súas fotos saíron a toda cor nas primeiras páxinas do teu noxento periódico, con menos miramentos que se fosen de Afganistán, Irak ou Siria, ao día seguinte da maior traxedia ferroviaria do noso país.

Empresario desprezábel, deixa de enganar a xente e múdalle xa o nome a ese teu panfleto. Con que dereito te erixes na voz do povo galego cando fas negocio coa dor dos seus mortos e a dignidade dos seus enfermos?

E todo para que, mal bicho? Para revestir de morbo as páxinas de balde que acompañan ás de pago, copadas con publicidade de fenosas, bancas e xuntas? Páxinas e páxinas de morbo, de opinións de Valdés e Cía, e de “chapuzas galegas”, porque a pobreza do agro galego para ti non é denunciábel, senón motivo de brincadeira.

Lembras cando a policía española raptou a aquela rapaza de Narón por independentista e a deixaron guindada en Madrid ao día seguinte, sen presentar ningún cargo contra ela, sen teléfono nin diñeiro para volver? Publicastes tal cal a nota de prensa emitida desde Madrid polo Ministerio de Interior español, con nomes e topónimos deturpados como se falárades dun país estranxeiro. A túa voz ficou afónica para defender os dereitos humanos máis básicos dunha cidadá galega que deixaba un bebé abandonado na casa...

"Non quero ver máis brazos e pernas soltas na vía dun tren galego; nin entrevistas morbosas con nais desesperadas que buscan xustiza e non saír no Sálvame"

Lisca de aí coa túa hipocrisía infumábel; apenas fas de voceiro para os que pagan contribucións a páxina enteira. Empresas que teñen a Galiza como explotación, mercado ou banco de probas, xunto con históricos caciques locais ou persoas que ven no noso país un destino transitorio para chegar a Madrid. O resto somos chapuceiros.

Non teremos voz, mais temos voto. E eu voto por deixar de comprar a túa publicación putrefacta.
Non quero ver máis brazos e pernas soltas na vía dun tren galego; nin entrevistas morbosas con nais desesperadas que buscan xustiza e non saír no Sálvame; nin fotos intrusivas nas casas de señores maiores que non teñen cartos para arranxar un galpón e que deben recorrer ao enxeño para reciclar en remendos os residuos que non para de producir ese sistema económico que tanta riqueza reflicte nas túas páxinas de pago.

Non pido nada que non teñan en Inglaterra, en Brasil ou en Cataluña; unha prensa con corazón e voz en galego, que respeite e defenda aos galegos de igual forma que respeitan e defenden os medios de comunicación de calquera país do mundo aos seus propios nacionais. É o mínimo que se pode pedir. Ou polo menos, que cales.

Comentarios