Opinión

Apenas un día

Sucesos electorais á parte, canta xente non percebe que Escocia é máis nación que Galiza polo simples feito de ter unha equipa nacional de futebol que xoga competicións FIFA?


Sucesos electorais á parte, canta xente non percebe que Escocia é máis nación que Galiza polo simples feito de ter unha equipa nacional de futebol que xoga competicións FIFA?

"Canta xente non percebe que Escocia é máis nación que Galiza polo simples feito de ter unha equipa nacional de futebol que xoga competicións FIFA?"

Escocia é unha nación. Xa o era antes destas eleccións, e seguirao sendo. Non polo futebol, senón por tres trazos fundamentais: historia, cultura e lingua; todos eles brutalmente erosionados por séculos e séculos de “convivencia” co veciño imperialista, mais aínda notoriamente presentes.

Escocia é unha nación non polo que digan estas derradeiras eleccións, nen polo que poida decidir un referendo dentro de tres, catro ou cinco anos. A realidade, a obxectividade, é allea ás vontades discrecionais dos suxeitos que a sofren nun punto concreto do espazo ou do tempo.

Se dentro de tres anos Escocia se convirte por referendo nun Estado independente, que diremos dos mil anos anteriores? Que os escoceses eran uns provincianos e que nun só día crearon unha nación nova, in vitro?

Non. O voto tampouco decide o concepto de nación. Como moito, o voto decide as persoas que rexerán o seu destino: xente da propia nación, xente doutra nación ou unha combinación das dúas. Si, só a través da política é posíbel gobernar a casa do teu veciño coméndolle a orella.

"Hai un día, o Partido Nacionalista Escocés contaba con 6 deputados no Parlamento británico (dun total de 650); agora xa ten 56". 

Os escoceses decidiron nestas últimas eleccións apostar por unha forza 100 % escocesa. Asumiron que os seus problemas son seus, coñécenos mellor que ninguén e son os máis interesados en que estes se resolvan. Non van esperar, pois, polo servizo técnico de fóra. Londres xa non é o seu centro de referencia. A política de Londres, de esquerdas ou dereitas, nova ou vella, é a política de Londres. Non se pode ser escocés e inglés á vez. Non dá tempo.

Hai un día, o Partido Nacionalista Escocés contaba con 6 deputados no Parlamento británico (dun total de 650); agora xa ten 56. Hai un día aglutinaba apenas o 19 % dos votos dos cidadáns escoceses. Hoxe amasa o 50 %. E en Londres teñen medo. Teñen medo porque saben que estes 56 escoceses non veñen a Inglaterra para facer seguidismo da política inglesa.

En Galiza tamén temos eleccións, con partidos da propia nación, partidos doutras nacións e combinacións das dúas. Tal como acontecía con Escocia até hai un día, os resultados dos nacionalistas nunca acadaron cotas extremadamente altas, cun teito próximo ao 25 %. Mais as cousas poden mudar. De feito, teñen de mudar. Todo é cuestión do día...

Comentarios