Opinión

Ao quentiño

Podemos. Si, ese é o slogan do momento. Debe ser porque son tradutor, porén me parece cando menos curioso que se escollese como leitmotiv dunha candidatura rompedora a tradución literal do yes, we can do premio nobel da paz, Barack Obama: un auténtico éxito de marketing con moi pouca concreción rompedora na práctica.

Que cousas. Aljazeera abre a súa páxina internacional de noticias europeas con España. Os residentes da vila de (atención!) Castrillo Matajudíos deciden finalmente e por referendo (que para estas cousas, mire vostede, si que lle deixan a un) cambiar o topónimo por Mota de Judíos. O lugar levaba máis de cincocentos años chamándose Matajudíos, desde aqueles tempos nos que o Reino de Castilla, hoxe chamado Reino de España, se dedicaba, inquisición en mao, a expulsar xudeus ao mesmo tempo que poñía en práctica a doma e castración do Reino de Galiza. Pero pelillos a la mar.

"Curioso que se escollese como leitmotiv dunha candidatura rompedora a tradución literal do yes, we can do premio nobel da paz, Barack Obama: un auténtico éxito de marketing con moi pouca concreción rompedora na práctica".

Podemos. Si, ese é o slogan do momento. Debe ser porque son tradutor, porén me parece cando menos curioso que se escollese como leitmotiv dunha candidatura rompedora a tradución literal do yes, we can do premio nobel da paz, Barack Obama: un auténtico éxito de marketing con moi pouca concreción rompedora na práctica.

Recoñezo que non vexo moito a telepantalla. Apenas quince minutos durante o meu almorzo e, nalgunha que outra ocasión, un zapping rápido na merenda ou na cea. Con todo, foime imposíbel escapar do encanto que desprendeu, día si e día tamén, ese madrileño, Pablo Iglesias, nestes programas que se coñecen agora como tertulias e que replican o formato dos “debates” de prensa rosa para tratar temas cun fondo político. Pregunteime moitas veces que interese terían os grupos empresariais-financeiros propietarios dos shows televisivos en confrontar a seis tertulianos fascistas contra un só Pablo Iglesias en posición de manifesta inferioridade numérica, coa simple axuda da palabra para se defender dun grupo de analfabetos.

É certo. Son un pouco pabloescéptico. Porén teño as miñas razóns. Gústame o discurso xeral de Pablo Iglesias; coincido ao cento por cento cos seus razoamentos públicos, até o de agora, sobre o que está ben e o que está mal en termos universais: reparto equitativo da riqueza, fóra os corruptos, non aos desafiuzamentos, non ao roubo dos bancos coas preferentes. Iso, por suposto, non quere dicir que bote merda contra “todo o demais”; non son tan masoca nin imbécil como para aldraxar aos políticos que estiveron na rúa apoiando aos desempregados, mariñeiros, preferentistas e desafiuzados galegos, con chuvia, vento e frío, sen a calefacción e o cafeciño do plató de televisión, que é, de momento, o único sitio no que teño visto a Pablo Iglesias.

"Pregunteime moitas veces que interese terían os grupos empresariais-financeiros propietarios dos shows televisivos en confrontar a seis tertulianos fascistas contra un só Pablo Iglesias"

Non quero que se me interprete mal. Quero curarme do pabloescepticismo o máis rápido posíbel e saber se coincidimos nalgo máis que no noso desprezo polo capitalismo, a inxustiza social e os políticos corruptos.

Gustaríame poder acudir ao seu local en Ferrol, mais non existe; quizais en Camariñas: tampouco. Non sabemos logo cal é a súa posición no tema do naval; se levará ao parlamento europeo como tema prioritario o levantamento do veto á construción civil. E que hai da pesca? Non teño dúbida que se pode ser de Madrid e ter sensibilidade coa frota pesqueira máis castigada de Europa, igual que se pode ser de Madrid e recoñecer que as empresas que tributan en Madrid e que teñen as súas explotacións en Galiza, especialmente as eléctricas, deberían tributar en Galiza.

E o tren, e as autoestradas? Pensa Pablo Iglesias que todos os camiños de ferro levan a Madrid, ou que algún debería parar en Laza, Castelo do Val ou A Mezquita? Pensou algunha vez Pablo Iglesias se era normal poder ir desde Ferrol á capital do Reino en coche sen pagar máis peaxe que o túnel de Navacerrada cando ao mesmo tempo un traxecto como o que une Ferrol con Vigo custa 20 euros?
Esperemos a ver que é o que di porque, sinceramente, espero, confío e desexo que diga algo sobre estas cuestións, transcendentais para o tecido produtivo galego e a súa ruína actual.

"Quero curarme do pabloescepticismo o máis rápido posíbel e saber se coincidimos nalgo máis que no noso desprezo polo capitalismo, a inxustiza social e os políticos corruptos".

Supoño tamén que Pablo Iglesias terá xa a súa opinión formada sobre o reparto das axudas da PAC, tan prexudicial para as cooperativas e pequenas explotacións galegas, ou sobre a creación dun fondo de compensación lácteo para os gandeiros que se endebedaron comprando cota láctea, agora inútil. Estou seguro que non fai falta ter aldea para posuír certa sensibilidade sobre esta cuestión.

E que hai da lingua, a cultura e a identidade dos distintos territorios do Estado español? Non cabe dúbida que falar pouco destes temas resulta unha maneira moi pragmática de afrontar uns comicios a nivel estatal no que tanto che ten que che vote un madrileño como un vasco, sabendo que os madrileños non destacan precisamente por presumir de vivir nun Estado coa lingua máis antiga de Europa...

Vaia, sei que cando fala de país sempre se refire a España, e con toda a razón do mundo, el é dalí. E si, congratúlame saber que alguén desde Madrid defende o concepto de patriotismo como oposición ao colonialismo. Por iso mesmo devezo tamén por coñecer a súa visión sobre o que significa ser patriota en Cataluña, Euskadi ou Galiza.

"Pensa Pablo Iglesias que todos os camiños de ferro levan a Madrid, ou que algún debería parar en Laza, Castelo do Val ou A Mezquita?"

En fin, non o podo remediar; teño medo. Teño medo que Pablo Iglesias non poida atender a tantos asuntos el só. Que non poida presentar sempre a súa foto nas papeletas e que teña que crear un logo. Que lle custe deixar a capital do Reino (da República, se chegase o seu momento) e precise abrir ese local en Ferrol, ese local en Camariñas... para coñecer os problemas concretos dos ferroláns e os camariñáns, que seguramente non son os mesmos que os dos madrileños ou os dos parisinos. Que para iso precise recrutar a un grande número de persoas, miles delas, coas súas diferentes sensibilidades e aptitudes, mais tamén cos seus vicios e torpezas: políticos, chamarémoslles. Algúns con máis vicios ou torpezas do normal caerán nalgún vicio ou cometerán algunha torpeza. E entón teremos de novo todo aquilo do que tentábamos escapar. E volveremos comezar todo outra vez desde o principio.

Mais é posíbel que daquela os políticos que estiveron papando frío, chuvia e vento cos desempregados do naval, mariñeiros, preferentistas e desafiuzados galegos xa non estean, e que os atopemos nun plató de televisión, ao quentiño.

Comentarios