Opinión

Ancha es Castilla

Estamos en Birmingham, a Second City do Reino Unido. Unha cidade dun millón de habitantes onde ao redor do 45% da poboación pertence a etnias non británicas, destacando especialmente os cidadáns procedentes do continente indio, que case chegan ao 23%. 

Estamos en Birmingham, a Second City do Reino Unido. Unha cidade dun millón de habitantes onde ao redor do 45% da poboación pertence a etnias non británicas, destacando especialmente os cidadáns procedentes do continente indio, que case chegan ao 23%. Con todo, o 55% de cidadáns británicos son incapaces de conter a súa indignación ante un feito inaudito: o 0% das escolas de educación infantil teñen como lingua vehicular o inglés.

"O  82% de cidadáns galegos son incapaces de conter a súa indignación ante un feito inaudito: o 0% das escolas de educación infantil teñen como lingua vehicular o galego".

Por suposto, isto, realmente, non pasou. É unha broma. En Birmingham, o 100% das escolas de educación infantil utilizan o inglés como lingua vehicular.

Estamos na Coruña, La second city de la Galicia cada día máis linda, máis linda. Unha cidade de 245.000 habitantes onde ao redor do 18% da poboación pertence a etnias non galegas (aínda que a metade desta porcentaxe se corresponde cos fillos ou netos retornados da emigración galega en América). Con todo, o 82% de cidadáns galegos son incapaces de conter a súa indignación ante un feito inaudito: o 0% das escolas de educación infantil teñen como lingua vehicular o galego.

Por suposto, isto, realmente, non pasou. Vaia, o de indignarse, quero dicir. Algunha que outra cousa si que pasa; non sei se isto terá moito que ver co conto, mais o alcalde da Coruña gastou 600.000 euros dos coruñeses nunha campaña promocional do San Xoán que ten por lema: “San Juan is back” (sic)...  Cada día better and better. Unha broma.

Como os dados que vén de publicar a Mesa pola Normalización Lingüística: só 7 dos 289 centros de educación infantil de toda Galiza (o 2,42%) empregan maioritariamente o galego nas clases...ningún na Coruña, Ferrol, Pontevedra e Lugo; nun país que se chama Galiza porque sempre se falou galego. Dantesco.

"O alcalde da Coruña gastou 600.000 euros dos coruñeses nunha campaña promocional do San Xoán que ten por lema: “San Juan is back” (sic)...  Cada día better and better. Unha broma".

Algún imbécil encargarase de lle quitar ferro ao asunto, que todo isto da lingua é unha parvada e que o importante é “entenderse”; vaia, que poderiamos vivir mesmo sen linguas comunicándonos só con gruñidos, bramidos ou eructos, ou botándonos peidos. Mais por iso é imbécil. Este tipo de persoas adoita recorrer á actitude que eu chamo “do comercial” para sabotar con escusas usureiras dunha simpleza mental vergoñenta o proceso de normalización lingüística en Galiza, proceso que, no sentido amplo da palabra, nunca existiu, como demostra a comparativa de resultados co proceso catalán.

Aínda que a importancia da lingua galega deféndese soa sen necesidade destes argumentos de mercantilismo barato, nunca está de máis amosar con exemplos igual de mesquiños as vergoñas destes ignorantes, que se reproducen como ratos de laboratorio nas institucións, nas aulas ou nos bares. A saber:

Estamos en Málaga, ano 2008. Estou nun supermercado cun amigo andaluz buscando unha botella de licor de herbas para un churrasco. O andaluz escolle e merca a única botella con etiqueta en galego: “Este, que es gallego”. Dígolle que os outros tamén o son. Porén non lle digo que a algún imbécil se lle ocorreu pensar (con gruñidos, bramidos ou eructos) que os andaluces terían problemas para entender que “licor de herbas” significa “licor de hierbas”. En realidade, o meu amigo andaluz tiña toda a razón do mundo: só un imbécil pode pensar que escribir ou falar en español (castellano) é tan galego como escribir ou falar en galego.En calquera caso, o imbécil perdeu, ou deixou de gañar, doce euros con cincuenta que custaba a botella. Mais o que perde Galiza cunha política lingüística suicida dirixida por imbéciles é, desgraciadamente, moito máis, incalculábel; de seguro miles de millóns de euros a futuro. Comezando porque non existe mellor arancel para protexer o comercio, a industria e o emprego locais que a lingua propia.

"Que despois de me pasar seis anos en Inglaterra e Andalucía me teña que sentir outra vez emigrante, sen emigrar, tratando de levar unha vida integramente en galego no país do galego".

Mais non é cuestión dos cartos senón dos marcos: a min o que realmente me fode é que haxa máis centros educativos que ensinan galego en Málaga e Birmingham (cidades nas que vivín) que garderías con inmersión lingüística en galego en toda a provincia da Coruña; e que despois de me pasar seis anos en Inglaterra e Andalucía me teña que sentir outra vez emigrante, sen emigrar, tratando de levar unha vida integramente en galego no país do galego. Vaia, que neste tempo que estiven fóra movéronme os marcos os castellanos...

Comentarios