Opinión

Analfabetos que falan inglés en Mondoñedo

En Galiza hai dous tipos de galegos: os que falan castellano e os que exercen de castellanos. Eu falo castellano, mais xa non exerzo.

En Galiza hai dous tipos de galegos: os que falan castellano e os que exercen de castellanos. Eu falo castellano, mais xa non exerzo.

Tamén falo portugués e inglés, mais tampouco exerzo de portugués ou de inglés. Procuro falar galego en todo momento cando me atopo en Galiza, independentemente do interlocutor, ou cando respondo no teléfono aos meus clientes cun xovial “bo día”, aínda que xa antes de descolgar apareza no ecrá un +44. Ningún inglés, italiano, español ou alemán se sentiu nunca ofendido por iso. Aínda diría máis, as únicas persoas ás que teño observado sorprendidas eran galegas. Dá que pensar, non é?

"Non tiña ningún sentido querer dominar un idioma tan diferente e alleo como era o inglés sen dominar primeiro a lingua de meus pais, avós, bisavós, etc."

Con todo, non sempre foi así. Durante moito tempo fun analfabeto. Explícome.

A razón pola que falo, leo e escribo en portugués e inglés cun nivel culto é porque aprendín estes idiomas ao mesmo tempo que aprendín a falar, ler e escribir o galego cun nivel culto. En certa maneira, foi un feito casual: para min non tiña ningún sentido querer dominar un idioma tan diferente e alleo como era o inglés sen dominar primeiro a lingua de meus pais, avós, bisavós, etc. Isto, que tiña certa lóxica para min, tamén debería ter certa lóxica para un profesor de inglés checo en Chequia, ou para un profesor de inglés marciano en Marte. É absolutamente ridículo para un británico ver a un señor de Mondoñedo que saiba dicir o nome dunha árbore en inglés e que non o saiba dicir en galego.

No seu momento, o que non sabía era que esa elección vital, coherente coas miñas orixes, estaba axudando a mellorar a miña pronuncia, fluencia e mesmo vocabulario en inglés. Cando me apercibín, optei por facer o mesmo experimento co portugués. Neste caso, e como estaba a vivir en Inglaterra, tiven a sorte de poder comprar os meus libros de texto de lingua portuguesa coas explicacións en lingua inglesa. Como esperaba, tanto o meu portugués como o meu inglés beneficiáronse deste interacción.

"Despois de tres anos en Inglaterra xa era galego-falante habitual, non diglósico, e como premio falaba dúas linguas máis, alén do castellano (que tamén se beneficiou), e cunha riqueza de vocabulario que non sería posíbel sen as sinerxías dos catro idiomas". 

Concluíndo: despois de tres anos en Inglaterra xa era galego-falante habitual, non diglósico, e como premio falaba dúas linguas máis, alén do castellano (que tamén se beneficiou), e cunha riqueza de vocabulario que non sería posíbel sen as sinerxías dos catro idiomas. Todo isto con 30 anos. Imaxinen o que pode facer unha crianza desde os oito anos con inmersión lingüística en galego e apenas catro horas semanais de inglés e portugués na escola.

Con constancia, dedicación e forza de vontade superei o meu analfabetismo. E se o puiden facer eu, vivindo en Inglaterra, non teño ningunha dúbida de que os centos de miles de galegos que viven en Galiza inconscientes de que son analfabetos tamén o poderán facer.

Que ninguén se sinta ofendido pola palabra. Analfabeto é o que non sabe ler nin escribir, e ao igual que sucede con calquera país do mundo – eu gusto de pensar en termos universais, xa ven, son un “cidadán do mundo” – para medir os niveis de analfabetismo non se pode tomar outra medida de referencia que non sexa a lingua propia. A miña avoa non era analfabeta por non saber ler e escribir en español. En Inglaterra, as persoas non son analfabetas por non saber ler e escribir en ruso; en Grecia, as persoas non son analfabetas por non saber ler e escribir en checo; e, sorpresa, en Polonia, as persoas non son analfabetas por non saben ler e escribir en francés. Non che é así o conto, castellanos de Galiza; Mondoñedo non é Cuenca.

"En Galiza, a inmensa maioría dos nenos non saben ler nin escribir en galego. Van camiño de se converter en analfabetos. Esa é a conclusión que se pode extraer da recente estatística publicada polo IGE"

En Galiza, a inmensa maioría dos nenos non saben ler nin escribir en galego. Van camiño de se converter en analfabetos. Esa é a conclusión que se pode extraer da recente estatística publicada polo IGE: tres de cada catro menores de quince anos non falan nunca ou case nunca en galego. Existe mellor palabra que analfabetismo para definir esta realidade?

É importante non esquecer que o nivel de analfabetismo dun país está estreitamente vinculado ao seu nivel de dependencia e pobreza. Casualidade: en Galiza, o salario medio é o quinto máis baixo de todo o Estado e a descomposición do seu tecido produtivo vai paralela á súa cada vez maior dependencia do poder central español e (económico-) europeo.

O problema máis urxente, pois, para os sistema educativo galego non son as matemáticas, non é o inglés, nin moito menos é a lingua e literatura españolas. O máis urxente é que os nenos e nenas do noso país falen, lean e escriban como galegos. E iso non se consegue cun anuncio de supermercados.

Comentarios