Opinión

100% Galego

Un 5%. Esa era a comisión que eu recibía por cada espazo de publicidade vendido


Un 5%. Esa era a comisión que eu recibía por cada espazo de publicidade vendido nos meus tempos de redator-tradutor-comercial nunha empresa malagueña, e unha das razóns principais polas que optei por deixar ese traballo e regresar a Galiza. Había outras, claro; o pagamento das horas extras abaixo dos limiares estabelecidos no acordo colectivo de prensa, os incumprimentos dos horarios laborais, as inxustizas que padeceran outros colegas de traballo...

Certo é que á maioría dos meus colegas nen sequera se lle pagaban as horas extras, que aceitaban o acoso laboral do compañeiro como unha sorte de que non lles tocase a eles, e que ese 5% de comisión lles parecía unha concesión xenerosa do de cima mais do que un abuso plusvalístico sobre o dereito adquirido polo seu traballo.

A min o 5% parecíame pouco, moi pouco. Parecíame ridículo. Daquela aspiraba a polo menos un 10%. Se fose agora, non aceptaría menos dun 25%. Hoxe dirixo unha empresa e o 100% da marxe do meu traballo, a miña única fonte de financiamento, é miña.

No 75% dos centros nen sequera utilizan o galego ou a súa presenza é testemuñal

Lendo esta mañá o Informe da Educación Infantil da Mesa pola Normalización Lingüística, volta aparecer na miña memoria ese 5% miserento. Desta vez, ese índice ridículo representa a cota marxinal de centros de educación infantil que empregan o galego como lingua maioritaria; o 95% restante utiliza, maioritariamente, o español/castellano. No 75% dos centros nen sequera utilizan o galego ou a súa presenza é testemuñal.

Que pasou coa normalización lingüística neste país, xa non existe? Era isto o bilingüismo cordial; a nosa alternativa “a la gallega” á inmersión lingüística de Cataluña?

“É que aquí priorizamos a ensinanza do inglés”. Bollocks!

As tres primeiras comunidades autónomas en lingua inglesa son Euskadi, Navarra e... Cataluña (English Proficiency Index 2015).

“Todo ben. Mais o primeiro é o primeiro, e primeiro está o español”. ¡Los cojones! (Spanish for "Bollocks!")

As notas dos nenos cataláns en lingua española situáronse dentro da media estatal na única proba que se fixo deste tipo no Estado español, no ano 2011, ocupando unha máis que digna novena posición. Onde é que ficaron os nenos galegos? Antepenúltimos. ¡Chúpate esa! (Spanish for "Suck on that!").

Seica a maioría dáse por satisfeito con ese 5%, ou con que os nenos falen en galego 5 minutos ao día?

A verdade é, que fóra do nacionalismo, resulta extremadamente difícil encontrar persoas sensibilizadas con este tema. Falta de sensibilidade e conformismo é o que se percebe na maioría de nais e pais non nacionalistas. O mesmo conformismo resignado que encontrei entre os meus colegas de traballo andaluces -demostrado fica que a resignación non é unha cualidade colectiva do povo galego, senón unha cualidade individual das persoas conformistas, sexan galegas, andaluzas ou andorranas. Non deixa de abraiar que a apatía dunha grande parte de nais e pais cara á educación en galego de seus propios fillos sexa inversamente proporcional ao entusiasmo que amosan cun anuncio do Gadis protagonizado por un can.

Seica a maioría dáse por satisfeito con ese 5%, ou con que os nenos falen en galego 5 minutos ao día? Outra boa bitola para medir o nivel de normalización lingüística en Galiza! “Que porcentaxe de nenos galegos fala galego máis de 5 minutos ao día”. Isto é o 0,35% do tempo que dura un día.

No ámbito lingüístico, como galego, xa fixen a miña parte: son un galego-falante non diglósico recuperado para a estatística

Eu non estou contento con ese 5%. Tampouco o estaría cun 10. Hai dez anos conformaríame co 50%. Mais agora non. Un vai incrementando a súa ambición a medida que vai superando obstáculos na vida. No ámbito lingüístico, como galego, xa fixen a miña parte: son un galego-falante non diglósico recuperado para a estatística. Este feito, por si mesmo, xa acredita que son unha persoa inconformista, rebelde e indócil. Non son o único. Hai milleiros coma min, por toda Galiza. Supoño que, despois do can de palleiro, por fin lles tocará tamén saír algún día nese anuncio de supermercados.

É por iso, porque son estoico e indomábel, que non me conformo con menos dun 100%. Aspiro a que o 100% das crianzas galegas fale galego; que o 100% aproveite o galego para aprender outras linguas, culturas e coñecementos; e que o 100% das nais, pais e profesores de Galiza falen cos seus fillos e pupilos, maiormente, en galego.

Non aceitarei menos. Parto dun 5%, como hai dez anos. A ver que pasa.

Comentarios