Opinión

Camiñando cara a abolición

No marco da mobilización que convoca Touradas fóra de Pontevedra por oitavo ano consecutivo crece o debate sobre a lidia e o seu financiamento na Galiza, quizais alentado polos aires de mudanza que provocaron os resultados electorais nas pasadas eleccións municipais, ao menos neste eido.

No marco da mobilización que convoca Touradas fóra de Pontevedra por oitavo ano consecutivo crece o debate sobre a lidia e o seu financiamento na Galiza, quizais alentado polos aires de mudanza que provocaron os resultados electorais nas pasadas eleccións municipais, ao menos neste eido.

"A loita contra as touradas enmárcase na particularidade de ser un país con pouca ou nula tradición taurina onde apenas o 0,8% das galegas e galegos acoden anualmente a estes festexos e o 85% manifesta estar en contra desta actividad"


En efecto, a loita contra as touradas enmárcase na particularidade de ser un país con pouca ou nula tradición taurina onde apenas o 0,8% das galegas e galegos acoden anualmente a estes festexos e o 85% manifesta estar en contra desta actividade. Así, no ano 2014 decorreron oito festexos taurinos, un 20% menos que en 2013 e un 42,8% menos que en 2010. Pese a este panorama, as diversas plataformas abolicionistas conseguiron grazas ao traballo desenvolvido durante anos influenciar programas electorais e posicionamentos de cada vez máis forzas políticas. Se a Rede de Municipios pola Abolición ou a fronte antitouradas impulsada no Parlamento Galego supuxeron un avance cuantitativo non é menos importante a etapa que se abre após o 24 de maio. 

Coruña e Sarria son vilas que por primeira vez en moitos anos non verán celebrar este cruel festexo grazas á loita das plataformas locais e a sensibilidade mostrada polos gobernos entrantes e algúns partidos da oposición. Os acordos de goberno nas Deputacións da Coruña e Pontevedra conteñen un punto que exixe a fin da subvención directa e indirecta das touradas, sendo a institución provincial gobernada até onte por Rafael Louzán a principal valedora económica nas últimas décadas o que supón unha vitoria estratéxica para o movemento anticorridas.

Así, os únicos concellos que teñen garantidas touradas para os vindeiros anos son Padrón -financiada polo concello do PP- e Pontevedra, cidade onde a praza de touros é de propiedade privada e a actividade atópase amparada pola Lei de Protección Animal aprobada pola Xunta de Galiza. É na cidade do Lérez onde se centra o debate nos últimos tempos, bastión do movemento taurino galego, quen comeza a perder a hexemonía institucional e dos medios de comunicación. 

"Os acordos de goberno nas Deputacións da Coruña e Pontevedra conteñen un punto que exixe a fin da subvención directa e indirecta das touradas"

O Concello de Pontevedra foi pioneiro alá por 1999 na quita de privilexios ao lobby taurino, suprimindo a subvención directa, compra de entradas e representación institucional no palco, medidas que motivaron as protestas dos taurinos. Tamén a feira taurina desapareceu do programa de festas da Peregrina, rachando ese vínculo que os uniu durante tantos anos, consecuencia da toma de conciencia da sociedade pontevedresa. Hoxe, no 2015, o goberno pontevedrés ten por diante o reto de asumir posicións mais avanzadas e apoiarse nos movementos sociais organizados para dar pasos adiante. O convenio asinado cos Lozano polo cal o Concello dispón das instalacións durante 12 meses para desenvolver diferentes actividades a cambio de 45.000 euros debe desaparecer.

Atopámonos nun momento histórico en que por primeira vez o entramado tauromáquico comeza a sufrir importantes derrotas, e esta cantidade astronómica non vén máis que a afianzar a presenza dun movemento que queremos ver máis cedo que tarde fóra da nosa cidade. Por iso, precisamos un paso adiante e rematar con tantas reticencias.

"O Concello de Pontevedra foi pioneiro alá por 1999 na quita de privilexios ao lobby taurino, suprimindo a subvención directa, compra de entradas e representación institucional no palco, medidas que motivaron as protestas dos taurinos".

Como manifestaron os beneficiarios en numerosas ocasións, os 45.000 euros van destinados á feira taurina, mais non só iso, permíteselles facer negocio na cantina durante o Torneo Medieval da Feira Franca e dalle barra libre para encher a cidade de paneis que promoven o maltrato animal. Arguméntase tamén a dependencia deste convenio do torneo medieval que se celebra desde o ano 2007. Mais é certo que existen actividades alternativas, como fan en numerosas festas medievais ao longo do territorio galego.
­
Porén, hoxe precisamos en Pontevedra dun BNG coherente cos pasos dados hai 14 anos, así como durante todo este período en numerosas localidades. Ese BNG que declarou numerosos concellos antitouradas e amigos dos animais, que traballa pola abolición tanto no Parlamento Galego coma no Parlamento Europeo e no Congreso dos Deputados. Un BNG que cortou a billa das subvencións na Deputación de Pontevedra e que fixo en 1999 o que ninguén fixera antes, acabar cos privilexios taurinos. É por isto que o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Pontevedra ten que escoitar xa o movemento abolicionista e a militancia que levamos anos traballando como activistas en Pontevedra, Sarria, Noia ou Coruña. Non se trata de dar pe a oportunismo ningún, mais de coherencia cos principios que se defenderon historicamente.


"Hoxe precisamos en Pontevedra dun BNG coherente cos pasos dados hai 14 anos, así como durante todo este período en numerosas localidades"


En definitiva, sermos quen de golpear o inimigo dende diferentes frontes é imprescindíbel para debilitar o pequeno mais influínte lobby taurino. Por experiencia sabemos que, sen o xogo das subvencións públicas, o camiño conduciraos irremediabelmente cara á extinción. Nas nosas mans está.

Comentarios