Opinión

Asilo e islamofobia en Europa

A tráxica situación das persoas que fuxindo da guerra e a fame chegan a esta Europa hostil que lles nega a entrada provocou nos últimos meses unha vaga de solidariedade popular e indignación colectiva contra os gobernos europeus. Contra eses gobernos que alentaron os conflitos bélicos que asolan os países de orixe e agora deportan as vítimas amparándose na dubidosa legalidade dun infame tratado con Turquía.

Mais o incontestábel valor destas denuncias e estas mostras de apoio non debe ocultar o feito de nas sociedades europeas emerxeren tamén outros comportamentos, de signo ben distinto, que, de non seren atallados a tempo, poden configurar un futuro de discriminación e estigmatización para quen hoxe chega ás fronteiras do continente escapando das guerras alimentadas polas grandes potencias mundiais e os seus aliados en Oriente Próximo. Un futuro de discriminación e estigmatización nesta Europa en que agroma con forza e crece día a dia a xenofobia anti-islámica.

Un futuro de discriminación e estigmatización nesta Europa en que agroma con forza e crece día a dia a xenofobia anti-islámica

A indiferenza con que foi recibida a ausencia de medidas con que os gobernos europeos responderon á perturbadora noticia da desaparición de polo menos 10.000 crianzas nos duros camiños do exilio europeo; a apatía perante as normas legais con que se blindan estados como Austria, Hungría, Polonia, Holanda ou Dinamarca, onde o parlamento autorizou o goberno a confiscar "legalmente" os escasos bens das persoas que alcanzan o seu territorio; o florecemento de grupos xenófobos e o seu inquietante éxito electoral; a xustificación cada vez máis estendida do rigor punitivo que se aplica a refuxiados e migrantes "por abusaren dos dereitos que lles ofrece o país que os recibiu"; os ataques a mesquitas e o control policial das persoas que asisten aos lugares de oración musulmáns; a discriminación laboral que padecen as mulleres musulmanas que visten o velo; a participación masiva en manifestacións contra o que os grupos xenófobos chaman "islamización europea"; a proliferación de mensaxes anti-islamistas na rede; a ampla resposta que o goberno español afirma ter recibido a campaña de delacións anónimas (Stop Radicalismos) contra persoas "en proceso de radicalización", a pesar da ambiguidade do termo e a absoluta falta de garantías sobre o destino dos datos facilitados a través destas denuncias sen nome, etc. non son indicios vagos que podan ser interpretados en varios sentidos. Son feitos ben contrastados que deseñan unha situación alarmante e evocan os máis escuros momentos da historia europea contemporánea.

Unha vaga xenófoba en ascenso que ten tamén vítimas europeas por canto conmove os alicerces da propia sociedade erosionando dereitos e liberdades e criminalizando directamente as persoas que optan por actuar solidariamente, sexan pescadores do Canal de Sicilia que resgatan migrantes do naufraxio das súas fráxeis embarcacións (un "delito" castigado pola abxecta lei Bossi-Fini), sexan activistas da campaña BDS, unha iniciativa pacífica cuxo obxectivo é parar o xenocidio perpetrado por Israel na Palestina, que os socios europeos se prestan gustosos a reprimir en beneficio do estado sionista.

Comentarios