Opinión

Terrorismo machista e prensa cómplice

Dende as tres da mañá non podo durmir. Penso nas dúas mozas asesinadas en Vigo e Compostela. Penso nos moitos anos da miña vida que fixen formación para tentar mellorar o tratamento do terrorismo machista nos medios. Penso no pouco que se conseguiu. E unha e outra vez vénme á cabeza o acertada que é esa metáfora que compara a loita feminista cun péndulo: cando consideramos que conseguimos avanzar uns pasos (e eu vivía nese convencemento, sobre todo dende que me toca lidar coa realidade que as mulleres vivimos a 8.000 km., no trópico ecuatoriano), volvemos de novo ao punto de partida.

Agora doume conta do cega que estaba. E decátome que volvemos á mesma situación que trinta anos atrás. Nalgunha ocasión utilicei , como exemplo do que non se debía facer, unha vella crónica xudicial dos anos 80: “Vista por el homicidio de una joven de 14 años por su amante de 55” (http://www.pilarlopezdiez.eu/pdf/RepreViolenciaMasc.pdf) Nela culpabilizábase á vítima (unha nena á que se acusaba de provocar os ciumes do seu asasino), exculpábase ao agresor (por borracho e por non ser quen de controlarse), recollíanse testemuños que levaban a pensar que o asasino non era tan mala persoa e tratábase como suceso o que en realidade é un problema político de fondo: o machismo que nos mata.

Que diferenza hai co que estamos a ver estes días nos medios? Vexo información tratada nas páxinas de crónica negra. Vexo quen xustifica na prensa o asasino basándose en datos tan contundentes como que nin sequera fumaba. Vexo que se culpa as vítimas por non ter presentado denuncia, e porque en definitiva, en Galiza, como en Ecuador, aínda non se considera que a rúa nos pertenza a calquera hora do día ou da noite. Observo abraiada como se dan consellos porque se nos responsabiliza de provocar os impulsos masculinos. Animaliños! 

Observo abraiada como se dan consellos porque se nos responsabiliza de provocar os impulsos masculinos. Animaliños! 

Hai un ano, unha psicóloga que traballaba atendendo a universitarias nun campus ecuatoriano dicíame que a culpa era delas, que eran infieis, que os provocaban, que eles non se podían conter… O mesmo monstro que daquela fitei cara a cara descúbroo estes días na prensa galega. E nas institucións que condenan a violencia en xeral e non a violencia machista ou que teñen que comprobar se había ou non relación sentimental entre asesino e asasinada para confirmar o evidente: que se trata de violencia de xénero. Ou nas propostas de partidos políticos que suxiren silenciar os casos de terrorismo machista por se resulta que provocan máis violencia. Tapemos os ollos, como @s cativ@s de dous anos, que igual así conseguimos crer que o problema non existe! Quizais a cousa fose distinta se as noticias ás veces non semellasen manuais de instrucións para cometer un asasinato, e non estivesen cheas dos mesmos prexuízos de hai séculos.

En 2004 asinouse en Santiago a Declaración de Compostela, un conxunto de once recomendacións promovida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que quería pór o seu gran de área para mellorar o tratamento do terrorismo machista na prensa. Foron varios os medios que entón a respaldaron. Hoxe téndoa nestas liñas, coa vaga esperanza de secar a tinta borrada do que  virou en papel mollado.
 

Comentarios