Opinión

Para as miñas alumnas de Ecuador

Hoxe, que é Día Internacional da Muller, quixera dedicarllo ás miñas alumnas. A Jamilex, a Lisseth, a Pamela, a Omayra, a Alejandra… as miñas alumnas universitarias que hai uns meses, cando cheguei á cidade ecuatoriana de Milagro,  me miraban con pena por non ter descendencia aos meus trinta e moitos, a quen eu entón mirei tamén con profunda conmiseración por ter fillos e fillas ao seu cargo sen aínda ter cumpridos os vinte anos. Non podía comprender como as mesmas raparigas que me entregaban as súas prácticas de redacción con enmarcados infantís en vivas cores de rotulador podían ter a súa vida xa condicionada con cargas familiares.

Non me custou moito querelas. Ao mellor a elas si lles custou máis quererme a min, porque ao fin, eu era autoridade, e ademáis, pola propia reacción que causa todo elemento extraño que entra, sen permiso previo, nun corpo social. Mais coido que, quizais, ao longo destes meses, conseguimos comprendernos e, dende logo, respectarnos. Sei que nelas as miñas palabras non caían en baleiro. Sei que sabían moi ben de que falaba cando falaba de violencia machista, porque moitas vivírana de preto, porque alguna delas mesmo fora maltratada, pola intensidade coa que asumían facer reportaxes sobre o tema, mesmo facendo gardas na fiscalía e conseguindo datos que nin eu sería quen de conseguir, malia aos meus anos de oficio. Sen dúbida eu podería telo redactado mellor, e non é soberbia, senón o feito de que os problemas de base escolar son en Ecuador tan graves que, nas aulas de redacción xornalística, tes que enfrontarte  a carencias non só de ortografía, senón tamén de coherencia á hora de enfiar o discurso, e  tamén de comprensión. Mais, sen dúbida, eu non tería chegado ao nivel de profundidade que elas chegaron. Falando con quen a sufrira, transmitindo experiencias que lles saían do corazón. Mesmo Lisseth, Cristina e Teresa achegándose sen pudor a prostíbulos, mesmo ilegais, ou ás esquinas da prostitución milagreña.

Ser muller en Milagro ensinoume a comprender moito máis o que implica, neste mundo, ser muller

Ser muller en Milagro ensinoume a comprender moito máis o que implica, neste mundo, ser muller. Que te valoren, en exclusiva, por ser corpo ou por ser nai, ou que te exclúan por non entrar en ningunha desas dúas categorías, doe. Que, na propia universidade, os concursos de raíñas de beleza estean presentes en todas as facultades, coa concorrencia de cargos universitarios, cando menos resulta inquietante. Que, con total naturalidade, escoites historias como a da universitaria invidente a raíz, moi probablemente, do disparo propinado por un ex marido ciumento e policía, revólveche o corpo. Que esa mesma muller acuda día a día ás aulas cun humor envexable e facendo todo tipo de brincadeiras co feito de que non pode ver é un exemplo máximo de resiliencia. Que, por ser muller, xa de entrada sexas culpábel de todos os males, non deixa de sorprender. Porque aquí, segundo puiden escoitar dunha profesional psicóloga, e de moitos homes traballadores da propia universidade, que te maten é culpa túa, porque o provocas, porque os homes non poden reprimir os seus impulsos violentos e porque ti tes que saber ben como gardar recato.

E aínda si, dinme que aquí ás mulleres non lles poñen burka. Os velos que non se ven, penso eu, son os máis perigosos. A ver quen dá desatado eses nós!

Comentarios