Opinión

Dende Ecuador: menos caridade e máis xustiza social

A terra móvese en Ecuador e o país e o mundo con ela se conmoven. Non foi para menos. Centos de vidas esmagadas, milleiros de vítimas e a economía costeira, con piares fortes no turismo e na industria atuneira, colapsada, ao igual que a dun estado que agora lle ha facer fronte á reconstrución. Ao día seguinte do terremoto, os andeis dos supermercados quedaban desabastecidos de auga, tal era a solidariedade xerada, e a xente amoreábase nos puntos organizados para a recollida de doazóns. Mais pasado o día, pasada a romaría. Feitos os axustes de contas de cadaquén coa súa conciencia ou coa súa economía, as escenas de febre solidaria foron perdendo fol.

E, entre réplicas e máis réplicas, outro sismo removeu o país. O presidente, Rafael Correa, anunciaba unha medida que supuña un novo tremor, neste caso sobre as areas movedizas dun debate político lixado polas augas revoltas do clima de precampaña deste 2016 que xa mira para as eleccións de 2017. A todas as persoas cun soldo maior a 1.000 dólares retraeráselle o equivalente a un día de soldo ao mes para axudar nas tarefas de reconstrución. Quen teña ingresos entre 2.000 e 3.000 dólares doará un dia do seu soldo cada dous meses e o equivalente a un día cada tres meses aquelas que estean na franxa de 3.000 a 4.000.

Mais xa non vou ao debate político, senón ás conversas de cafetaría. Si, a todos, a todas, nos gusta poñernos a etiqueta solidaria, sempre que sexa unha decisión persoal e un “quedabén” de quita e pon. Outra cousa é pasar do persoal ao político, a aquelas medidas que un goberno elixido pola cidadanía adopta para procurar solucións a un problema colectivo. 

Unha vez máis faise evidente que o neoliberalismo, no político e no económico, ten a súa contraparte, a nivel das conciencias, no concepto de caridade. E máis nunha sociedade tan relixiosa coma esta, cun catolicismo importado polo home branco que puña a furia carraxenta de “taita Diosito” por diante para atemorizar á poboación india e así sometela mellor.

A todos, a todas, nos gusta poñernos a etiqueta solidaria, sempre que sexa unha decisión persoal e un “quedabén” de quita e pon

Son observadora externa, acabada de aterrar a unha sociedade á que aínda non pertenzo, e iso mesmo permíteme afastar a ollada. Podería ser crítica ou sátira, como outras estranxeiras e estranxeiros que ven na sociedade ecuatoriana a viga que non ven ao mirarse nos ollos do seu país de orixe. Pero non podo. Porque na submisión, no calar, nesa cadencia suplicante do “una ayudita, por favor”, non podo deixar de ver o común denominador dos pobos que arrastran os traumas por outros impostos. Non por nada se di das galegas, dos galegos, que non se se sabe se subimos ou baixamos. A información é ouro, e máis se o poder a pode utilizar na nosa contra. O enfrontamento directo non sempre serve se, quen está diante, é máis forte e é entón cando xorden ricas estratexias de solución lateral, e non frontal, dos problemas. Este é un motivo, un máis, polo que cada vez me sinto máis preto da poboación ecuatoriana. E para ela pido máis xustiza, e menos caridade.

Comentarios