Opinión

Cambadelas posdoutorais

Fai unha tese, estuda idiomas, vai a congresos, imparte docencia, investiga, publica artigos en revistas internacionais indexadas e se é en inglés e mesmo tes que pagar para que che publiquen (si, leron o que leron), mellor. E fai todo iso antes de que se che pase o arroz. Un dos principais camiños de volta a Galiza para as e os investigadores que tiveron que emigrar son as axudas posdoutorais da Xunta. Este ano, por primeira vez, engaden un curioso requisito que vai deixar a moitas de nós sen posibilidade sequera de presentarnos.  Que teñamos rematado a carreira en 2006 ou despois!

As axudas posdoutorais teñen como fin “incrementar a incorporación de persoal investigador ao sistema de I+D+i galego”. A condición esencial para presentarse viña sendo ter rematado a tese doutoral nos últimos anos mais non había estipulado, nin nesta convocatoria de bolsas nin noutras similares, como as Juan de la Cierva no eido estatal, data de caducidade tamén para o final de licenciatura. Que será o próximo? Pedir que remataramos o bacharelato ou a ESO despois do 2000? 

Que caste de país é este que non só expulsa os seus doutores e doutoras, senón que, ademais, lles quita de diante as poucas migallas de pan que lles deixa para poder coller o camiño de volta? Porque as posibilidades de volver son poucas, moi poucas. Fai xa anos que os recortes de presuposto ás universidades impiden que se convoquen prazas. A precariedade e a desesperanza é tal que persoas cun currículo groso en experiencia e anos se presentan a prazas de categorías máis baixas das que lles correspondería, prazas para as que están sobreformadas, de maneira que se crea un tapón que impide que as e os doutores de traxectoria máis curta poidan iniciar dalgunha forma a súa traxectoria na academia. E a cousa non se queda aí. Hoxe por hoxe, as universidades teñen profesorado traballando por 300 euros ou menos, profesorado asociado, sen doutorado ou mesmo con doutorado, porque sae máis barato e é a saída que queda cando os cartos escasean. 

Hoxe por hoxe, as universidades teñen profesorado traballando por 300 euros ou menos, profesorado asociado, sen doutorado ou mesmo con doutorado

Que goberno é o que fai das súas universidades, que deberían ser vangarda da mellora social, silenciosos escenarios dunha nova escravitude e dunha emigración 3.0? Na miña casa sempre me dixeron que estudara para chegar lonxe. Mais nunca pensei que chegaría a 8.000 km de distancia sen billete de volta.

Comentarios