Opinión

A propósito do Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico desde a perspectiva das artes escénicas e musicais

Velaquí a miña análise e valoración crítica do Plan de Reactivación presentado recentemente pola Consellería de Cultura. A miña valoración é negativa. O plan non axudará a reactivar un sector, o da cultura, que padece eivas estruturais que sairán reforzadas.

Unha declaración de intencións sen eficacia normativa

O documento carece de natureza normativa, non xera obrigas para as Administracións nin dereitos para o sector afectado. As medidas e axudas específicas deberán ser instrumentadas a través de ordes, convenios e outras formas de execución propias da Consellería. Fóra de vagas mencións sobre fondos, programas de apoio, medidas de reprogramación e potenciación de redes que xa existen, non se chega a concretar en que consistirán tales medidas.

Que facer coa situación de parálise do sector?

O problema fundamental das industrias culturais a raíz da crise é a paralización da súa actividade e o descenso na súa facturación. O plan recoñece este feito, mais non aporta solucións. Pasa de puntas pola situación real que están a vivir as empresas, con medio ano perdido e sen perspectiva, para situarse nun escenario irreal de saída da crise, obviando os problemas que o sector está padecendo agora mesmo. A partir de aí o plan formula unha serie de bos propósitos de apoio ás empresas, reforzamento do emprego, incentivo á industria, sen que nada se concrete.

Reactivación do consumo?

No sector das artes escénicas e musicais, as limitacións á mobilidade afectan fundamentalmente á produción. Se o público non está, se os espazos non se poden abrir, o noso traballo paralízase. Que sentido ten falar de reactivar o consumo cultural mentres as condicións de mobilidade e volume de aforos non o permiten?

Por outra banda, a cultura en Galiza é, en gran medida, gratuíta, polo tanto, en que se concreta esa reactivación do consumo? Os nosos clientes son fundamentalmente institucións públicas, non particulares. Están elas dispostas a consumir máis, a contratar máis concertos?

O plan fala de potenciar redes, como o programa Ler conta moito, un dos que máis contribúe á precarización do noso traballo. É ese tipo de cliente o que precisamos?

Reprogramar? Cando e como?

Nun escenario de incerteza en plena pandemia, coa actividade cultural paralizada e sen perspectiva, o plan promete unha convocatoria desbocada de axudas que, supostamente, reactivarán o sector.

A atomización indiscriminada de proxectos culturais que isto vai provocar, cando outros tantos quedaron varados ou nunha sorte de limbo administrativo, non vai solucionar o problema, vaino agudizar. As programacións ficaron canceladas e sen pautas de como ou cando se retomarán, cancelouse a firma de convenios en avanzado estado de tramitación coa paralización de proxectos que fican no ar con importantes desembolsos e adiouse a convocatoria ou resolución de subvencións. Que sentido ten neste contexto anunciar a convocatoria de novas axudas? Que acontece cos proxectos que ficaron no camiño dos que a Administración se desentende? Que foi da convocatoria de axudas O teu Xacobeo? As empresas que optaron a estas axudas non planificaron os seus proxectos e comezaron a traballar neles? Que sentido ten xerar máis incerteza nun escenario no que non se pode calibrar a viabilidade dos proxectos?

Inxección de liquidez. A quen aproveita?

As únicas medidas de aplicación directa que anuncia o plan son medidas transversais non específicas para o sector. Para alén disto, para sectores onde operan infinitude de microempresas como o da música, a danza, o teatro, o problema fundamental está no feito de que as medidas sanitarias lles impiden traballar e facturar. De que serve a opción de pedir un crédito se non se prevén ingresos para devolvelo?

Formación e profesionalización de profesionais?

Falar de formación e profesionalización nun plan de apoio ao sector nunha situación de emerxencia sen precedentes, parece broma de mal gusto. Que dirían os músicos dunha orquestra profesional se, a cambio do seu soldo, se lles ofrecen uns cursos para continuaren a se formar como instrumentistas ou para reciclarse na edición de vídeos para alegrar a vida dos demais desde a casa?

Continuará…

Comentarios