Opinión

Joao Gilberto e o teletransporte

Subíamos ao Pao de Açúcar moi cedo no bondinho. Ao elevarse despois duns minutos quedamos varados aí no aire, moi estáticos entre unha corda e outra. Alá abaixo quedaba a Praia Vermelha chea de formiguiñas.

Os poucos que estábamos alí calamos, á espera. Pasaban os minutos. O bondinho mexíase suavemente. Ao lonxe, toda a maravilla de Río de Janeiro, pero por dentro, un intenso remexer claustrofóbico.

Pechei os ollos para poder concentrarme noutra cousa que non fóra o bondinho caendo no mato selvático. Amarreime a unha melodía que pasaba pola miña cabeza. Busquei o teletransporte na música, como sempre e saín do bondinho.

Ás veces, temos a sorte de atopar músicas que en si mesmas son todo un universo. Músicas de unha esencia única e de cor irrepetible. Esta música é un xogo continuo, un ritmo sen pausa, hipnótico. Ten a elegancia doutra época, a melodía fresca dunha mañá que trae esperanzas.

Amarreime a unha canción de Joao Gilbero, que vén de deixar este mundo. Non sei canto tempo pasaría, non cheguei a acabar a canción que soaba na miña cabeza pero, case por arte de maxia e música, voltei ao bondinho que acababa de chegar á súa primeira parada. Terra firme!

Comentarios