Opinión

O auxe do pop coreano en Lugo

Dou aulas a persoas de distintas idades. Nunca antes tivera alumnado adolescente e estaba un pouco expectante polo que me podía atopar. Sempre traballei a música con crianzas e con adultos e xa tiña, máis ou menos, un método de traballo establecido. Pero coa mocidade tiña certa curiosidade porque no mundo no que vivimos, cheo de estímulos de todo tipo, era todo un reto facer das aulas de música e canto, algo que lles apaixonase.

O contacto coa mocidade tamén implica estar actualizada coas novas tendencias musicais e eu non quería ser menos. Hai tempo vin un documental sobre o fenómeno do pop coreano, tamén chamado K-pop. Quedei impactada. Supoño que é algo que se repite na historia da música. Digamos que o K-pop é a versión actual de todo o que os Beatles fixeron no seu momento: Converter a música nun fenómeno de masas. Pero hai unha lixeira diferenza, hoxe en día todo está máis que estudado desde un punto de vista non musical, senón económico.

Toda a estratexia de mercado que hai detrás do K-pop é coidadísima, e a parte musical, bastante insulsa. Os meus adorados Beatles, polo menos, facían as súas cancións. Cando vexo a esas raparigas de Lugo ás que lles encanta o K-pop, penso varias cousas: Unha é, Manda Cara*** e outra é que son máis consciente do mundo globalizado no que vivimos.

Por un lado, síntome un pouco maior, vendo a toda esta rapazada, accedendo a un estilo musical que a min me queda moi lonxe. Pero... non é acaso o mesmo que debía de pensar miña avoa cando miña nai cantaba cancións de Queen?

Comentarios