martes 22/09/20

Empoderamento é poder-con e poder-para, nunca poder-sobre

Durante os anos que fun directora do Máster en Estudos de Xénero da Universidade de Vigo tiven a inmensa fortuna de tratar moi de cerca a dúas grandes  pensadoras e impulsoras do empoderamento/liderado/negociación positiva feminista e asistir aos seus esclarecedores e provocadores obradoiros: a venezolana Evangelina García Prince e a mexicana Marcela Lagarde de los Ríos.

Durante os anos que fun directora do Máster en Estudos de Xénero da Universidade de Vigo tiven a inmensa fortuna de tratar moi de cerca a dúas grandes  pensadoras e impulsoras do empoderamento/liderado/negociación positiva feminista e asistir aos seus esclarecedores e provocadores obradoiros: a venezolana Evangelina García Prince e a mexicana Marcela Lagarde de los Ríos. Desta experiencia, así como das non menos esclarecedoras conversas sobre o concepto de poder coa miña amiga e especialista en Hannah Arendt Teresa Portas e as sempre fecundas discusións con Teresa Moure, son debedoras as ideas que aquí seguen.

"Os movementos feministas conseguimos difundir con éxito a idea da necesidade de empoderamento e logramos impulsar políticas públicas, accións gobernamentais e internacionais e cambios lexislativos e políticos para logralo"

 “Empoderamento”, do inglés ‘empowerment’, foi un termo acuñado na Conferencia Mundial das Mulleres de Beijing (Pekin) en 1995 para referirse ao aumento da participación das mulleres nos procesos de toma de decisións e acceso ao poder. Significa facultarse, autorizarse, habilitarse os suxeitos e os colectivos inferiorizados; habilitármonos, é dicir, capacitármonos, sentírmonos e sermos capaces; ter a facultade e o poder de facer cousas e de vivir con autoridade, é dicir, sendo valoradas e recoñecidas como suxeitos con axencia. Os movementos feministas conseguimos difundir con éxito a idea da necesidade de empoderamento e logramos impulsar políticas públicas, accións gobernamentais e internacionais e cambios lexislativos e políticos para logralo. Así, o empoderamento forma parte da axenda política das mulleres. De feito, cada vez máis mulleres mobilizámonos en todo o mundo de maneira individual e a través das nosas organizacións e redes para lograr o noso empoderamento. Socialmente este se concreta no cambio das mentalidades colectivas de mulleres e homes e nos discursos e as prácticas de institucións sociais, civís e estatais. Un cambio de mentalidades que está cifrado na aprobación e no apoio ao avance lexítimo das mulleres e das nosas aspiracións ao desenvolvemento, ao benestar, á participación e ao goce dos nosos dereitos e liberdades.  

Desde Beijing, os movementos polos dereitos civís e polos dereitos humanos adoptaron esta palabra para explicar que os suxeitos sometidos a diversas formas de opresión requiren poder(es) para facerlles fronte e que ditos poderes sexan interiorizados e formen parte da propia subxectividade e, polo tanto, da propia maneira de ser e de existir. Empoderarse é pasar de sermos obxecto a sermos suxeito; pasar do ser-para-outros que signa a subxectividade feminina a ser-para-si-mesma, primeirísimo compoñente da autonomía. Empoderarse é sentirse e saberse lexitimada para pensar, dicir, actuar, experimentar; saberse suxeito de dereitos (o ‘dereito a ter dereitos’ do feminismo da segunda vaga), saberse capaz, recoñecer e confiar na propia autoridade. É un proxecto persoal e colectivo de axencia, capacitante, que entende e utiliza o poder como poder-con ou como poder-para, nunca como poder-sobre. Non hai que terlle medo á palabra poder; o poder non é o coco: poder, aquí utilizado no sentido arendtiano, é un concepto alleo aos sentidos en uso tanto na tradicional teoría política como nas investigacións contemporáneas da socioloxía .e que o vinculan á idea de dominio. Afastado do dominio, o poder constitúe a propia condición de posibilidade da pluralidade e da diferencia. Como praxe relacional, o poder só é poder se é compartido. Con esta noción de poder, Arendt anticipa en certo sentido a concepción foucaultiana de poder produtivo, e fai unha reivindicación da horizontalidade como a súa principal característica fronte á verticalidade inherente á concepción que o vincula ao mando e á obediencia.

"Empoderarse é pasar de sermos obxecto a sermos suxeito; pasar do ser-para-outros que signa a subxectividade feminina a ser-para-si-mesma, primeirísimo compoñente da autonomía".

Empoderamento é unha palabra que significa todas estas cousas xuntas: autoconfianza, autoafirmación, atrevemento, toma de decisións, (auto)gobernanza e capacidade de acción para realizar os propios proxectos no individual e no colectivo. Neste sentido o empoderamento é un proceso e un proceder estruturante, moldea o noso ser e a nosa forma de estar no mundo. Non se constrúe no poder sobre ninguén ou na opresión de ninguén; máis ben opera na disolución do binomio dominio/opresión; implica un estar e un compromiso éticos; pretende a independencia, a autonomía, a autosuficiencia (no simbólico, no subxectivo, e no material, social e político: serve igual para as persoas e para os colectivos e os pobos). Un colectivo empodérase cando alcanza a autoconciencia: a consciencia de ter unha identidade grupal específica, unha problemática e unha visión compartida do mundo, e os individuos que conforman o grupo toman conciencia da lexitimidade das demandas colectivas. O empoderamento dun colectivo ten que ver coa autoestima do grupo e co orgullo de pertenza. 

O empoderamento enmárcase así na emancipación: é unha facultade emancipante, máis vencellada, polo tanto, á liberdade que ao exercicio de poder ou control sobre outras persoas ou grupos. Curiosamente, o empoderamento deslexitima o poder establecido e nos termos establecidos, milita activamente en contra da inferiorización, da suxeición, da tutela, do sometemento e a colonización, mecanismos políticos que (re)producen a opresión de colectivos completos. O empoderamento busca e promove activamente no individual e no colectivo liberdades: e un poder antipoder, unha forza potentisimamente antipoder; empoderamento e poder son, paradoxalmente dada a aparente relación de proximidade entre ambos conceptos, oxímoros, é dicir, contrarios extremos.

"Empoderamento é unha palabra que significa todas estas cousas xuntas: autoconfianza, autoafirmación, atrevemento, toma de decisións, (auto)gobernanza e capacidade de acción para realizar os propios proxectos no individual e no colectivo" 

No heteropatriarcado o poder define a condición de sexo/xénero e a identidade das mulleres: temos unha identidade inferiorizada, subalterna -por dicilo con Gayatri Spivak-, ou ben somos o outro inapropiado/inapropiable -con Trinh T. Min-ha-, a nosa identidade está danada, signada pola vulnerabilidade -con Butler-, e o poder constrúe as relacións entre mulleres e homes. Este poder, entendido na súa acepción e consideración filosófica tradicional, é inhabilitante, somete, subxuga, soxulga, opera poñendo en práctica o binomio dominio/explotación, amo/escravo; para liberármonos, o movemento de mulleres ten desarticulado estruturas de dominio, ten creado unha cultura de mulleres que é solidaria, sororitaria, horizontal, participativa, antixerárquica. Por iso o feminismo inaugura non só un novo paradigma civilizatorio, procura, na súa praxe política, a construción dunha democracia ampliada, distributiva e cooperativa, solidaria e garante das condicións para que as persoas e as comunidades poidan desenvolverse e acadar o seu benestar no marco dunha convivencia en igualdade e xustiza social. Estas son as pretensións do empoderamento feminista. E non quero esquecer o coidado, capacidade culturalmente “feminina” que se ten desvelado, grazas ao feminismo, como unha das experiencias humanas máis valiosas neste cambio de paradigma civilizatorio: o coidado de si para poder coidar a [email protected], a contorna, as nosas comunidades, o planeta.

Fronte á política hexemónica que preserva estruturas, institucións e relacións, a política feminista propón a política como acción emancipadora en si mesma, debido ao seu potencial transformador do pacto social. Como poder non opresivo, o empoderamento radicaliza o proxecto democrático, transforma radicalmente estruturas, institucións e relacións. Nada disto (a renovación e a reelaboración cultural que permite o xurdimento de novos desexos e a ampliación de esixencias e expectativas vitais) tería sido posible sen o empoderamento das mulleres. Empoderamento é atrevemento e disidencia; de feito, é un poder desestruturador e construtor de conciencia que racha coa orde do dado como costume, da orde das mores. Grazas á disidencia resignifícanse as identidades, xorden novos modos de vida. O empoderamento é un dos resultados da toma de conciencia individual e colectiva, é resultado do coñecemento (do coñecemento de si e do coñecemento do mundo), é resultado da acción, de actuar, xustamente, en contra do poder. Empoderar é tamén unha ferramenta crítica e deconstrutiva que, cando se usa, deixa de avalar o sistema enaxenante. Insisto: é antipoder; non propón cambiar un poder por outro poder, mais acabar co poder; non é multiplicar as mulleres poderosas ou en cargos de poder, senón que se distribúan as oportunidades sociais, que se eliminen privilexios, prácticas e relacións que autorizan a discriminar, marxinar, someter, explotar. O empoderamento é contrario ao dominio, a calquera dominio que utilice as diferenzas como unha escusa para lexitimar a opresión. A eliminación do dominio prodúcese ao desarticular as causas e os mecanismos que constrúen as persoas como obxectos de explotación, de inferiorización, de desigualdade, de violencia, de sometemento, dependencia, discriminación, de marxinación, incapacidade vital e insuficiencia para a autonomía. O empoderamento é transformador: transforma as normas, os espazos -públicos e privados- e as culturas políticas. O empoderamento baséase na suma, na negociación positiva e na capacidade de liderado da propia vida persoal e das comunidades das que formamos parte e nas que participamos; o empoderamento é validante, recoñece, autoriza, suma, potencia a forza e a autonomía. Grazas o empoderamento feminista cada muller é defensora de si mesma e das outras por identificación solidaria (sororidade); o empoderamento contribúe a diminuír a vulnerabilidade e a violencia contra as mulleres e outros grupos minorizados. O empoderamento é, en suma, un exercicio de liberdade e que implica a liberdade.

Empoderamento é poder-con e poder-para, nunca poder-sobre
comentarios