Opinión

Esa non son eu

Esa moza que ves aí, esa, a de Instagram, non son eu. Non é meu ese sorriso perenne, esa vida perfecta. Non son meus os días de viaxes interminables, as noites de festa que non rematan nunca. Non son nosos eses abrazos, eses cafés. Esa relación perfecta, esas mañás xuntos na cama, ese solpor alaranxado. Detrás de cada foto as poses imposibles, a luz que me ilumina nun ángulo determinado, os pantalóns que me fan as pernas máis longas. Os beizos sempre vermellos e os rizos perfectos.

 

E si, si que hai días que o meu pelo parece de anuncio e a miña vida unha película pero esa, esa non son eu. Non é a miña vida. Non estás a ver máis que o que eu quero que vexas. Cada erro, cada mal momento que cres ver non é nada máis que unha fantasía. Un detalle máis que fai máis crible, máis humano ese reflexo da miña vida imperfectamente perfecto que todos poden ver. Que quero que todos vexan. Pero no fondo non me coñeces, non ves máis que anaquiños dun cadro demasiado grande. Dunha imaxe que non podes comprender. Vesme bailando de festa cos meus amigos pero non chorando soa no baño, vesme estudando na biblioteca pero non como a ansiedade me esperta ás 3 da mañá, ves como saio a correr pero non como remato eu soa unha caixa de bombóns. E do mesmo xeito que non me ves ti a min, ninguén ve a ninguén. 

 

No fondo non me coñeces, non ves máis que anaquiños dun cadro demasiado grande

 

Nese labirinto de espellos que son as redes sociais competimos contra ideais inalcanzables que nos impiden ver con claridade. Coñecemos todos os nosos defectos e comparamos esa versión nosa, tan crúa, tan real, coa versión edulcorada de cor rosa pastel que nos ofrecen os demais das súas vidas. Unha comparación inxusta e cruel que distorsiona a realidade, rompe autoestimas e nos obriga a fixarnos no noso perfil. A querer mellorar, a querer demostrar e ensinar máis. Máis postas de sol, máis amenceres, máis relacións perfectas, amizades únicas, noites interminables, almorzos exquisitos. Máis imaxes, máis filtros, máis me gusta, máis seguidores. Ata que acabamos por perdernos a vida por crear unha nova para os demais. E esa vida, esa vida que perdemos, esa si que era miña, si que era nosa.

 

Comentarios