Opinión

E entón, que nos queda?

Miguel Álvarez Peralta falaba nun artigo publicado en InfoLibre o pasado novembro do absurdo de xulgar a unha vítima que denuncia un crime e non ao presunto agresor. O artigo falaba do caso da ”Manada” e do calvario que sofre a vítima, calvario que non sufriría se denunciase outro delito calquera. 

Hai algo que permite que isto aconteza en casos de acoso, agresión sexual e violación. Ese algo, como explica Álvarez Peralta, é a cultura da violación na que vivimos inmersos. Este algo é o que fai que se relativicen estes delitos, que se tomen “a broma”, que se revitimice a vítima converténdoa en acusada e colocándoa baixo os focos dos medios que non se limitan a ser meros observadores e participan no escarnio público ao que se ve sometida.

O mesmo pasou con Diana Quer, coa súa familia. Ela tamén foi xulgada. Moi nova, moi soa, moi de noite. A súa nai divorciada, a roupa que levaba, as súas relacións anteriores. Todo serviu para construír un relato mediático que a culpabilizou a ela e a súa familia da súa desaparición durante meses mentres o verdadeiro culpábel seguía libre. O feito de que avisara a unha amiga de que un home lle falara e tiña medo deixouse de lado. 

Ela tamén foi xulgada. Moi nova, moi soa, moi de noite. A súa nai divorciada, a roupa que levaba, as súas relacións anteriores. Todo serviu para construír un relato mediático que a culpabilizou a ela e a súa familia da súa desaparición

 

Porque ao final, sempre é culpa nosa. Sempre. Vivimos nunha sociedade na que mentres se xulga mediaticamente a unha muller porque “quizais non se resistiu tanto” enterramos a outra porque si o fixo e rematou pagando coa súa vida. Que nos queda? Que nos queda se calquera se sinte con dereito sobre os nosos corpos? Con dereito a arrebatarnos a vida se non damos o que quere? Pero sobre todo, que nos queda se a maior parte dos medios, reflexo e creadores a un tempo da opinión pública, tenden a poñerse do lado do presunto agresor e nunca do da vítima? 

Ao final, sempre é culpa nosa. Sempre. Vivimos nunha sociedade na que mentres se xulga mediaticamente a unha muller porque “quizais non se resistiu tanto” enterramos a outra porque si o fixo e rematou pagando coa súa vida

 

Despois de toda unha vida escoitando eses “ten coidado”, eses “non voltes soa”, quizais é hora de mudar de discurso, de admitir que non está nas nosas mans volver sas e salvas a casa. Que está nas deles, que son eles os que teñen que cambiar. Que nunca é culpa da vítima e sempre do agresor. E que se ben sempre haberá casos patolóxicos, sempre haberá delincuentes e delitos, o que non pode seguir existindo é unha sociedade que os apoie ou encubra, directa ou indirectamente. Unha sociedade que pecha os ollos e deixa facer.

Comentarios