Opinión

Coa educación xogámonos o futuro do país

 

Galegas e galegos precisamos un sistema de educación pública integral, que garanta o noso benestar e sexa un investimento de futuro nas crianzas de hoxe, e para iso cómpre traballar a prol dun sistema educativo sustentado na calidade e na equidade, nun modelo educativo inclusivo, onde ninguén quede atrás. 

 

Fai uns días, tanto o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, como o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, destacaban o “exitoso” inicio do curso escolar en Galicia, calificándoo como “un dos mellores”, “un inicio de curso sen incidencias”.

 

Contrastando coa propaganda baleira e a visión idílica que pretenden trasladar Feijoo e o seu goberno, a realidade é que nos últimos anos, en cada comezo dun novo curso escolar, repítense as mesmas situacións: recortes en profesorado, peche de centros e módulos, incremento das rateos de alumnado por aula, falta de medios, etc. Do que estamos a falar é dun constante e evidente desmantelamento de servizos públicos, neste caso, do ensino público, mentres seguen incrementando o financiamento de centros concertados.

 

Do que estamos a falar é dun constante e evidente desmantelamento de servizos públicos, neste caso, do ensino público

 

Este ano non foi unha excepción, e o inicio do curso escolar tamén estivo salpicado de falta de previsión e incumprimentos por parte da Xunta, pois o Partido Popular segue recortando precisamente naquelas áreas máis sensibles ao gasto social, como é o caso da educación pública.

 

Padecemos un goberno instalado na soberbia e no desprezo aos servizos públicos, pois como digo, tanto o conselleiro de Educación coma o Presidente da Xunta amosaron unha vez máis unha total falta de respecto ao ensino público e á comunidade educativa no seu conxunto, transmitindo unha imaxe de normalidade e “fantasía” cando a realidade era moi distinta:

 

Sabemos, por moito que o queiran disfrazar, que nos últimos 4 anos suprimíronse preto de 800 unidades educativas (co recorte de persoal docente que isto implica), a pesar de que o alumnado matriculado na ensinanza pública de Galicia incrementouse en 9.000 nenos, nenas e xoves dende que o PP retomou o poder autonómico no ano 2009.   

 

Sabemos, por moito que o queiran disfrazar, que nos últimos 4 anos suprimíronse preto de 800 unidades educativas

 

Sabemos que este verán se pecharon aulas (tendo estas medidas un especial impacto negativo no medio rural), sabemos que hai aulas masificadas porque non se cumpren as rateos e a Xunta non autoriza desdobres nin aumentar os cadros de persoal, sabemos que se comezou o curso sen profesorado asignado a algunhas materias, sabemos que este curso case 1.300 docentes de Secundaria imparten materias que non lle son propias (“materias afíns”), sabemos que houbo problemas nos comedores escolares por desabastecemento no subministro da comida, etc.

 

Sabemos que todo isto reverte nun empeoramento da calidade educativa, nunhas peores condicións de ensinanza e aprendizaxe, nunha peor atención á diversidade e ás necesidades do profesorado e do alumnado. 

 

Sabémolo nos, a “xente de a pé”, as persoas que reivindicamos unha educación pública digna para o futuro desas crianzas, porque Feijoo e o seu Conselleiro, dende o despacho, teñen esa visión idílica de “exitoso inicio de curso”.      

 

E como o sabemos, non nos resignamos e seguiremos protestando, apoiando a quen loita polo que é de xustiza, polos dereitos, polo futuro do país, porque si, coa educación, xogámonos o futuro do país. 

 

 

 

Comentarios