Opinión

Xullo, día un

O día un de xullo do ano 1100 Diego Xelmírez foi elixido bispo de Compostela.Nos anos seguintes converteu esta cidade en referente de cultura (non en Cidade da Cultura) e en centro de poder relixioso e político, exteriorizado todo con símbolos ostentosos como a catedral e outros menos aparentes mais igualmente importantes como o feito de acuñar moeda en Santiago, algo insólito na época por canto era ese un privilexio reservado a monarcas.

O día un de xullo do ano 1100 Diego Xelmírez foi elixido bispo de Compostela.
Nos anos seguintes converteu esta cidade en referente de cultura (non en Cidade da Cultura) e en centro de poder relixioso e político, exteriorizado todo con símbolos ostentosos como a catedral e outros menos aparentes mais igualmente importantes como o feito de acuñar moeda en Santiago, algo insólito na época por canto era ese un privilexio reservado a monarcas. Circunstancias como esa denotan o peso político que Galiza tiña no contexto peninsular e europeo do momento.

Nos primeiros días de xullo do ano 2011 soubemos da desaparición do Codex Calixtino da Catedral de Santiago, desaparición que, ao que parece, se debe a un axuste de contas entra as propias filas eclesiais, que unha cousa é predicar virtudes e outra exercer de virtuoso, e mudar un libro de sitio non é roubo nin pecado.

Paga a pena lembrar como o viaxeiro-narrador do Codex Calixtinus, que se sente pertencente e identificado cos valores dunha nación, a nación gala, e como tal, desde a súa posición de privilexio por pertencer á elite social da Europa do momento, só topa en todo o occidente unha nación comparable coa súa, até o punto de afirmar que "son os galegos os que se acomodan máis perfectamente que as demais poboacións españolas de atrasados costumes ao noso pobo galo".

Ora esa afirmación non nace da simpatía do autor, ou autores, do Códice, nin tampouco do parentesco que o Papa Calixto, antes Guido de Borgoña, mantiña con Afonso, Rei-emperador da Galiza, nin sequera por ser este Papa o instaurador, no ano 1126, do Ano Santo Xacobeo, que había de se celebrar, nun perpetuo privilexio atribuído a Santiago que o equiparaba con Roma e Xerusalén, sempre que o 25 de xullo caese en domingo, a razón de 14 veces por cada século, seguindo unha cadencia de 6-5-6-11 anos; pola contra, aquela afirmación provén de a Galiza de Xelmírez ser a Galiza do Mestre Mateu, da Casa de Traba; unha Galiza de fala galega, rica e con peso político no contexto europeo e peninsular do momento. É a Galiza que consume e exporta literatura e arte, que integra peregrinos, que recibe arquitectos e artesáns. É a Galiza que conta cunha clase dirixente e un tecido produtivo capaz de liderar os movementos socio-culturais do momento, capaz de os asumir sen caer na mera imitación, ben ao contrario do que acontece hoxe, axugados como estamos ás políticas foráneas da insolidariedade e da desigualdade social, á tiranía dos mercadores e dos mercados, e tamén confiados en, quen sabe! podermos revivir a historia de “Pretty Woman” e que o rico mercador nos rescate da situación de exclusión social a que nos están a levar as medidas adoptadas polos nosos gobernantes, medidas como as que hoxe, un de xullo, entran en vigor e levan a incrementar as tarifas eléctricas -que ironía, Galiza exporta electricidade- os medicamentos, ou a que por vez primeira @s pensionistas teñan que pagar os medicamentos.

Para redactores e lectores do Códice Calixtino Galiza móstrase como unha terra "frondosa, con ríos, prados, ... bos froitos e clarísimas fontes. ... Abundante en pan de centeo e sidra, ben abastecida en gando e cabalarías, en leite e mel, e en peixe de mar" .

Eis os segredos da riqueza da Galiza de Xelmírez, segredos que seguen aí á espera de os descubrirmos e que van moito para alén dos anuncios televisivos que animan a “descubrir Galicia”

Por que entón non os descubrimos para voltarmos a ser unha potencia no aproveitamento de recursos mariños como corresponde a un país "abundante en peixe de mar"?

Se aínda gozamos, como tamén se afirma no Códice, dunhas condicións ambientais que nos permitirían ter un sector gandeiro e leiteiro altamente competitivo, por que as estratexias da política económica estatal e europea nolo impiden?

Que dicir do sector enerxético, cando resulta que os ríos galegos son, en conxunto, os principais produtores de enerxía hidroeléctrica de todo o Estado? Non somos produtores de primeira liña mesmo en enerxías renovábeis?

Ollarmos no pasado, se non o fixermos para fuxirmos do presente, pode servir para recoñecermos o que somos e para reconstruírmos a nosa dignidade. Xelmírez coñecía os mecanismos políticos necesarios para reforzar a posición de Galiza no contexto europeo, e non dubidou en utilizalos aínda que para iso houbese que coroar rei un meniño de cinco anos.

Nós, hoxe, tamén dispomos deses mecanismos.

Podemos usalos ou ollar para outro lado, mais sabendo que, inevitabelmente, pasan por asumirmos a soberanía sobre o que é noso e establecermos formas de relación con outros pobos que nos igualen -que nos “acomoden”como dicía o viaxeiro francés- en vez de nos someter.

En nós está.

Comentarios