Opinión

XII. Reflexión.

REFLEXIÓN: Antes de ir votar, hai que pensalo. Por este motivo, o día antes de acudir as urnas, establecéronse unha serie de prohibicións que atinxen sobre todo a propaganda electoral.


REFLEXIÓN: Antes de ir votar, hai que pensalo. Por este motivo, o día antes de acudir as urnas, establecéronse unha serie de prohibicións que atinxen sobre todo a propaganda electoral. Logo da relevancia que nos diferentes procesos electorais tiveron as enquisas tamén se incorporou a esta veda a prohibición de difundir os resultados durante a xornada de reflexión (ao presupoñer que se podería influír a mala fe nos votantes).

Os condicionantes do voto supóñense relacionados sobre todo coa publicidade e así, os anuncios, os carteis ou a propaganda teñen serio risco de transformar en seres irreflexivos aos galegos e galegas. Os outros condicionantes que permiten unha achega ás decisións do pobo son, polo xeral, pouco considerados e tenden a reservarse para aburridos ensaios ou explicacións variopintas, dende o auto-odio ao caciquismo pasando pola desesperanza.

No fondo, compártese un par de axiomas que non son a democracia aínda que tenda a cavilarse que si (mesmo que son a súa esencia):

-O resultado electoral dirime entre unha proposta falsa e unha proposta verdadeira. Ergo, os perdedores trabúcanse e os gañadores teñen a razón (falacia argumentum ad populum).

-O pobo xamais se equivoca. Ergo, os resultados son unha mensaxe aos partidos políticos (o que é, en realidade, unha anfiboloxía).

REFLEXIÓN (II): En física denomínaseo cambio de dirección dun raio de luz que acontece na separación entre dous medios (por exemplo o ar e a auga) de tal forma que regresa ao medio inicial.

A refracción, pola contra, é un cambio de dirección sen máis, como pode observarse ao somerxer un lapis nun vaso de auga e semellar crebado.

As xuntas electorais xamais (ata onde eu sei) propuxeron unha xornada de refracción que podería formularse como a imposibilidade de mudar un programa electoral logo dos resultados e, no caso de gañar as eleccións, unha eventual toma de posesión.

DIFRACCIÓN: En física, os cambios nunha onda cando atopa un obstáculo ou mesmo cando ten que atravesar unha fírgoa. No meu caso, sufrín de múltiples difraccións logo de moitas noites electorais. Quero dicir, as miñas ondas tiveron que atravesar os anos de presidencia galega por un ministro franquista mentres cavilaba que lle pode pasar á xentiña ou se era mellor marchar ao sur que, polo menos, fai un pouco máis de calor que nesta terra nosa e está limpa de chapapote.

INTERFERENCIAS: En física, fenómeno polo que dúas ou máis ondas superpóñense para formar unha onda de amplitude maior ou menor. Pode producir tamén efectos sobre o movemento aleatorio. O futuro presidente de México, por exemplo, xunto ao presidente de España, xeraron unha interferencia en Núñez Feijoo: ampliaron o seu nariz (teimadamente) no caso Pemex.

TRANSMITANCIA: En física, cantidade de enerxía que atravesa un corpo na unidade de tempo. Tomemos como exemplo A voz de Galicia e… en fin.

CIENCIA: Logo destes días adicados á filosofía como método para sobrevivir, o resultado incerto que amosan as enquisas levoume a transitar un chisco pola ciencia. Máis aló do comportamento das ondas, o método de ensaio e error consiste en probar unha das alternativas posibles na resolución dun problema e ver si funciona. Sobra dicir que os científicos no caso de que a cousa non carbure, proban outra. Logo da insistencia nas mesmas solucións para esta crise económica cómpre identificar aos novos científicos, é dicir, aqueles que forman parte do club do ensaio e… horror.

EXILIACIÓN: Este é un dos horrores que temos diante logo de que os astros das finanzas fixeran das súas coa complicidade de moitos políticos. Exiliacion é un neoloxismo resultante da fusión de emigración e exilio (tamén chamado nalgunhas zonas o emixilio). Existe unha imposibilidade física de engadirlle o terceiro elemento do que está a acontecer, o ostracismo: en Grecia, castigo que excluía da comunidade por un período longo de tempo a aqueles incómodos para as institucións. As paradas e os parados que marchan fóra a atopar traballo son emigrados (mudan a outro país), exiliados (marchan non por ser este un país pobre senón por estar gobernados por un inútil) e condenados ao ostracismo (incomodan menos ao non contar na porcentaxe de desempregados).

DESPEDIDA: Logo desta campaña e coa esperanza de que as ideas (ou a ciencia) permitan un cambio no noso país, tócame deixar as escritas e regresar ao meu mundo de libros e filósofos e músicas varias. E aínda lendo a Antístenes ou escoitando a J.J. Johnson supoño que asaltará ao meu siso o verdadeiro consello de supervivencia:

-Identifique aos colaboracionistas. Logo identifique aos resistentes. E, por último, decida.

Comentarios