Opinión

Xenocidio en Gaza

O que está a acontecer en Gaza é, digámolo coa palabra precisa,  un xenocidio. O primeiro do século XXI. Un xenocidio que Israel, o Estado que desde a súa constitución foi sempre o atacante, disfraza como  dereito á autodefensa.

O que está a acontecer en Gaza é, digámolo coa palabra precisa,  un xenocidio. O primeiro do século XXI. Un xenocidio que Israel, o Estado que desde a súa constitución foi sempre o atacante, disfraza como  dereito á autodefensa. Os bombardeos de Israel non reparan nin en escolas nin en hospitais, convertidas en supostas “bases para terroristas”. En Gaza non hai persoas: só obxectivos militares. E todo é albo das bombas: as escolas, as mesquitas ou  os hospitais. A propaganda, ben controlada e habilmente distribuída, converte a quen en occidente se revolta contra este masacre,  en inimigo de Israel e iso leva a que sexa acusado de antisemita. Israel só procura a colonización completa dos territorios palestinos, a comezar pola faixa de Gaza, que non é máis que un territorio cercado, á maneira en que o foron noutro tempo cidades convertidas en mito pola súa resistencia ao invasor romano. Gaza é un cárcere ao ar libre, ou se cadra un campo de concentración, coa enerxía eléctrica cortada, sen alimentos nin medicamentos, con escombros e cadáveres. 

"En Gaza non hai persoas: só obxectivos militares. E todo é albo das bombas: as escolas, as mesquitas ou  os hospitais"

Estado Unidos subministra as sofisticadas armas necesarias para matar crianzas, e o seu presidente, premio Nobel da Paz, non deixa de mostrar o seu apoio a todas cantas accións emprende o  sionismo, ese movemento nado a finais do século XIX e movido polo apelo relixioso de retorno á “Terra Prometida”

O que non conseguiu a chamada relixiosa está a piques de o conseguir Netanyahu. O masacre de 2014 non é o primeiro. En 1982 Sabra e Chatilla, campamentos de refuxiados palestinos no Líbano, foron brutalmente agredidos e perto de 3000 persoas asasinadas. Agora mesmo Gaza vai camiño de se converter no maior xenocidio do século XXI, perante a pasividade compracente da maior parte dos gobernos do mundo que, como moito, chaman a consulta os seu representantes diplomáticos e a seguir, unha vez consultados,  afianzan relacións comerciais con Israel. Pura hipocrisía que para nada condena o xenocidio. Os gazatís,  os que sobrevivan, engrosarán os máis de 4.5 millóns de refuxiados palestinos que a ONU recoñece e levaran consigo por sempre o cualificativo de pobo selvaxe e terrorista. Netanyahu, posibelmente, sexa premio nobel da Paz. Porque os vencedores son os que escriben a historia, polo menos a historia dos masacres.

Comentarios