Opinión

Xa o dixo Lampedusa

"Se queremos que todo siga como está, é necesario que todo cambie", esta célebre frase de Giuseppe Tomasi di Lampedusa na súa novela O Gatopardo define de xeito maxistral a situación que está a darse na Galiza coa chamada operación Pokemon que supostamente busca facer xustiza descubrindo e detendo a culpábeis dunha trama de corrupción político-empresarial.

"Se queremos que todo siga como está, é necesario que todo cambie", esta célebre frase de Giuseppe Tomasi di Lampedusa na súa novela O Gatopardo define de xeito maxistral a situación que está a darse na Galiza coa chamada operación Pokemon que supostamente busca facer xustiza descubrindo e detendo a culpábeis dunha trama de corrupción político-empresarial.

Diante dun artigo que publiquei a pasada semana no que relacionaba esta operación e a detención días antes dun grupo de independentistas coa campaña electoral unha persoa dicíame que eu estaba vendo pantasmas onde só hai unha actuación correcta dunha profesional da xustiza.

Pero conforme pasan os días vese ás claras o trasfondo político-electoral desa operación Pokemon  e está claro que o gran beneficiado da mesma é o Partido Popular. Núñez Feijóo despois de tres anos e medio na Xunta de Galiza  non pode poñer nada enriba da mesa;  nin rematou co paro en 45 días, nin foi quen de garantir os servizos públicos, nin Galiza ten unha soa competencia máis das que tiña en marzo de 2009. Con este balance de lexislatura a dereita (política, mediática, económica e xudicial) non pode xogar a outra cousa que a enlamar o terreo de xogo; os coches oficiais, as cadeiras e o iate de 2009 agora dan paso a “os outros son tan corruptos coma nós” sendo ese o verdadeiro lema de campaña do Partido Popular.

Nestas eleccións Feijóo ten moito medo a que unha franxa do seu electorado tradicional na que están comerciantes, autónomos, funcionariado e pensionistas que son dos máis perxudicados polos recortes de Rajoy viren o tradicional voto conservador ou fiquen na casa o 21 de outubro, e sabe que pouco pode facer para animalos a que lle dean unha vez máis a súa confianza, por iso tenta influir noutro electorado que nunca o votaría.

Coa mensaxe da corrupción xeralizada o inimigo a batir é o nacionalismo galego, pois a dereita é consciente de que unha franxa do potencial votante do BNG é moi permeábel a esa opinión fabricada e espallada polos medios que busca a inclusión do nacionalismo nesa suposta clase política que se move só para defender uns privilexios propios das forzas políticas sistémicas.

Xa empezaron e até o 21 de outubro farán todo o posíbel por desmobilizar a quen en circunstancias normais confían na posibilidade de enfrontar  a actual situación aplicando políticas alternativas. Se consiguen sementar a dúbida e que parte desa xente non vaia votar ou apoie co seu voto opcións electorais do simple cabreo que non van ter percorrido no tempo considerarán acadado o obxectivo de dar a impresión de querer cambiar todo para que á hora da verdade nada mude.

Se nos vindeiros días a policía entra na Deputación de Pontevedra e na de Ourense ou son detidos persoeiros de todos coñecidos vinculados á dereita pero até o de agora intocábeis non terei problema en escribir un artigo rectificando e parabenizando a esa nova xuíza estrela, mais esa circunstancia non se vai producir.

Comentarios