Opinión

Xa é agosto

Seino porque nas tabernas que restan de antes de eles partiren se ouven falares de reencontro. E tamén nas verbenas e romarías que enchen o mes transcenden bicos e apertóns de mans seguidos da presentación de novos membros da familia. Chegan de Bilbo ou de Miranda de Ebro; algúns de Catalunya e case ninguén de Madrid.

Seino porque nas tabernas que restan de antes de eles partiren se ouven falares de reencontro. E tamén nas verbenas e romarías que enchen o mes transcenden bicos e apertóns de mans seguidos da presentación de novos membros da familia. Chegan de Bilbo ou de Miranda de Ebro; algúns de Catalunya e case ninguén de Madrid.

Hainos que retornan á casa da que partiron e outros que teñen piso de aluguer ou de compra nalgunha vila próxima a aquela onde naceron. Tamén hai quen fixo casa en parcela de seu e agora retorna para abrir portas e xanelas e botar fóra das paredes a humidade do inverno.

Partiron por centos, como agora o fan a un ritmo de ducias por día, e tornan para a festa patronal con noras ou xenros que falan castelán. Van á festa do emigrante e a todas cantas ocasións de sociedade se presentan na contorna. Partiron por razóns a un tempo iguais e diferentes e voltan en medido ritual.

II

En Euskadi, de onde proceden moitos dos que aquí chegan en agosto, o PP quere modificar a Lei Xeral Electoral para que os denominados “exiliados por ETA” poidan votar nas eleccións vascas previstas para 2013. Xustifícano como unha medida crucial para a fin do terrorismo aínda que ben se sabe que é un intento para mudar o mapa electoral. Igual que aquí fai Feijóo ao reducir o número de parlamentares.

Galiza tamén ten exiliados. Non fuxiron de ningunha banda armada. Os nosos partiron porque o Estado non garantiu o dereito ao traballo na súa Terra; andaron o mundo por terror á miseria, por vontade de seren cidadáns con dignidade, e conviviron coa conflitiva situación vasca, aportando traballo e riqueza. Alá habitan 11 meses ao ano; aquí menos de un. Mais séntense, e son, galeg@s de nación e condición que poden participar en festas e romarías, mais non nos rituais desta democracia que cada vez prescinde máis de nós e deles.

III

Por que hai millares de cidadáns que, vivindo en Iberoamérica, poden votar nas eleccións autonómicas, e mesmo condicionar o goberno, sen teren visitado nunca a terra patria e millares de persoas nadas aquí, que emigraron por necesidade a Euskadi ou a Canarias non poden facer?

Que o PP nolo explique, que Feijóo o xustifique.

Comentarios