Opinión

Vou pedir responsabilidades

  A partir de agora vou pedir responsabilidades. Por cada persoa que morra ou que vexa medrar a súa dor ou a súa desesperación ou a súa tristura pola caída da calidade da atención sanitaria, pedirei respondabilidades.

A partir de agora vou pedir responsabilidades.

Por cada persoa que morra ou que vexa medrar a súa dor ou a súa desesperación ou a súa tristura pola caída da calidade da atención sanitaria, pedirei respondabilidades. Porque a xente con cartos, con posibles, como lle gusta dicir á xente de ben, esa si que poderá tratarse tumores, manchas sospeitosas e vultos repelentes sen ter que esperar á lotaría da incerteza que supón agardar meses e meses polo especialista. O resto, recortados polos recortes que nos recortan o aire, os folgos e ás veces a vida, aprenderemos a navegar coa dor, a sobrevivir atados á tiranía dos reloxos e abrazados ás listas de espera que coma rémoras inmisericordes que non avanzan, que non avanzan, que non avanzan, farán que nos sintamos culpables por enfermar, por existir e por ser.

A partir de agora vou pedir responsabilidades por cada neno e cada nena que, almacenados nas ateigadas aulas das comprimidas e recortadas escolas públicas, rematen a ESO sen saber inglés, con lagoas profundas coma simas de ignorancia por mor da burremia emporcada de políticos taladores, mentres os seus fillos afortunadísimos rematan icades e se gradúan en exclusivísimos centros en que se titularán, cum laude, na arte de manter perennemente conservada a desigualdade. Cando tal suceda, que xa sucede, pedirei responsabilidades.

A partir de agora vou pedir responsabilidades cada vez que un votante máis decida apoiar á ultradereita, como pasou en Grecia e Francia, e como pode pasar aquí se seguen adiante con este plan de belenestebanización global deseñado por malvados idiotas para convertirnos en idiotas aparvados.

Si.

Prepárense.

Estou moi amolado. E síntome autorizado a espallar o meu sentimento de fastío para contaxiar a todo o mundo e que esta esixencia de responsabilidades se traduza nun cambio político que nos leve, de novo, a habitar no territorio dos soños

Comentarios