Opinión

Votemos como galeg@s

Primeiros días de campaña e as expectativas fóronse cumprindo. O réxime bipartidista non quere que votemos, primeira opción

Primeiros días de campaña e as expectativas fóronse cumprindo. O réxime bipartidista non quere que votemos, primeira opción. A segunda é que, se caemos na tentación de achegármonos aos colexios, votemos como españois. A frase é de Feijóo, que aquí mostrou o seu talento político ao ser capaz de sintetizar en só tres palabras o desexo das elites gobernantes no Estado. O fundamental para elas é votarmos como españois.

A inflamación do español -o españolismo- é o combustíbel do incendio que prendeu na campaña estes días: un incendio chamado goberno de coligación PP-PSOE. Se reparamos ben, a xustificación de fondo que dan dirixentes do PP e do PSOE -e ideólogos do asunto, como Zarzalejos- non ten a ver coa brutal crise económica, senón con, sic, o "desafío soberanista". Ou sexa, como as nacións sen Estado aspiran a unha democracia plena -que tamén recoñeza os dereitos dos pobos-, o que cómpre é un enroque españolista que resulte nunha nova transición para, Felipe de Borbón mediante, mudar todo para que nada mude.

Nin nos vale rachar coa Troika para continuarmos dependendo de Madrid nin nos vale substituír a Troika conservadora por unha Troika socialdemócrata

Así as cousas, non fica outra que contrariar os desexos do réxime bipartidista e votar como galeg@s, con plena conciencia de o sermos. Nunha recente entrevista, Willy Meyer (IU) defendía avanzar cara á un proceso constituínte europeu co pobo como protagonista. Non especificou que pobo. Desde logo, non pode ser o pobo europeu, puro idealismo sen base material. Non hai solucións cosmopolitas abstractas para os problemas concretos das nacións que realmente existen. Do ponto de vista de Galiza, o proceso constituínte que se ten que abrir debe darse no noso territorio e debe ter como corolario a conquista da soberanía para o pobo galego, porque, si, o pobo galego existe.

Votar como galegos significa acreditar na necesidade de que as galegas e os galegos nos autorresponsabilicemos do noso futuro e construamos as nosas propias alternativas, de abaixo a arriba, e sen dependencias nen enfeudamentos exteriores. Nin nos vale rachar coa Troika para continuarmos dependendo de Madrid nin nos vale substituír a Troika conservadora por unha Troika socialdemócrata. O que precisamos é avanzarmos cara á unha Galiza soberana que teña capacidade para tamén ser protagonista na area internacional e, desde ela propia, construír, canda nacións como Escocia, Euskal Herria ou Catalunya, outra Europa.

Comentarios