Opinión

Vaite noite, vai fuxindo

Cumpriría traer hoxe para aquí tantos temas para a reflexión e a opinión! A realidade semella túzara e non quere mudar de vez, malia os titulares adiantármonos esa decadente crónica dunha morte anunciada.

Cumpriría traer hoxe para aquí tantos temas para a reflexión e a opinión! A realidade semella túzara e non quere mudar de vez, malia os titulares adiantármonos esa decadente crónica dunha morte anunciada.

Aínda cos ollos arregalados ante novas que nos confirman a proposta de acceso restrinxido ao público convidado polos partidos políticos -representantes do pobo que os elixiu, para ben e para mal, errada ou atinadamente- ao Parlamento galego (se hai quen o quere converter en lugar menos público, tamén aquí haberá que ir pensando en convertérmolo de vez nun elitista couto privado ou nun club de privilexiados!). Todo por unha boa causa, iso si, segundo a súa presidenta: evitarse e evitarnos “espectáculos” procedentes da cidadanía insubordinada, queremos dicir, subornada.

Tamén podiamos disertar sobre a nova modalidade de castigos exemplares que veñen de se implantaren no seo familiar para a recondución de condutas erradas: se te portas mal non saes na foto e se te portas aínda peor, retírote da web e punto!

Entre sucesivas alertas de temporal de inverno, mellor dito cicloxéneses, pintadas nos sisudos informes meteorolóxicos case cun ar de arco da vella, aquel simpático Pokémon desacreditouse como videxoxogo infantil virtual para se converter no espectáculo de entretemento (ir)real. Con todo, a definición premonitoria da wikipedia dos Pokémon en cuestión hai tempo que nos viña alertando: os pokémon son unha clase de criaturas (monstros) baseadas en moitos casos en animais reais. Que pouquiña marxe fica entre a realidade e a ficción!

Merecía traer para aquí, por exemplar, unha multa diferente á que a maioría estamos afeitos a pagar. Xa saben, a multa dos 300 euros que deberán aboar aqueles dous deputados do PP que se entretiñan, no exercicio das súas funcións como tales, xogando ao “Apalabrados” -cando menos, xentiña de palabra deben ser!- mentres na asemblea madrileña se aprobaba a privatización da sanidade pública; privatizar, ese verbo do que tan amigo ten demostrado ser o PP e do que casualmente tan ben se saben (re)aproveitar despois os seus altos cargos.

Tamén podería falar da pretendida explotación mineira contaminante en Corcoesto, onde cada vez vai ficando máis transparente quen é quen e que pretende neste entramado de interesese, onde non é ouro todo o que reloce, nin sequera trigo limpo. Ou dunha empresa chamada Eulén que, ao ritmo que se fai con todos os concursos públicos que o PP promove, para xestionamento de servizos públicos, sexan da índole que foren, acreditamos en que vai conseguir mudar a tendencia do paro galego moi positivamente.

"O ronsel de ocasos, ERES peches, despedidas e defuncións continúan na prensa galega".

Aínda podería determe a analizar a riqueza que a polisemia concede á lingua que a uns fará entender este titular segundo calquera das dúas acepcións máis estensidas, a sanitaria ou a relixiosa: “O Sergas gasta 50.00 euros ao mes en curas”. Vostedes con cal das dúas fican?

Ben importante sería lembrarmos a recente aparición do testamento de Pero Pardo de Cela, aquel mariscal galego medieval, decapitado diante da catedral de Mondoñedo por mandato do gobernador do reino nomeado polos Reis Católicos e a traizón, pois, segundo conta a lenda, xa a súa dona conseguira o perdón real para el. Para uns a novidade reside na descuberta dun fillo morto a curta idade e para outros a súa redacción en galego en pleno século XV. U-la sorpresa? Velaí os lindes dunha longa etapa de normalización lingüística para o galego desde o seu nacemento como lingua neolatina aló polo século IX.

Moito mudaron os tempos desde aquela e algunhas vontades antigaleguistas ou amigas do galego apenas de xeito conxuntural e anecdótico, simples parellas de comenencia, teiman en fomentaren a ignorancia a respecto da idade de ouro do noso idioma reinventando un novo miradoiro opaco para a historia política e sociolingüística.

É por iso que hoxe quero focar as miñas palabras nun feito que pode semellar intranscendente, mais coido que non o é. O ronsel de ocasos, ERES peches, despedidas e defuncións continúan na prensa galega. E con cada unha desas mortes, corremos o risco de morrermos un pouco tamén.

A recente desaparición do xornal diario impreso e gratuíto De Luns a Venres deixa a visibilidade do galego na prensa moito máis orfa. Cómpre preguntármonos, entón, polas razóns e neste contexto de crise endemoniadamente selectiva, á vista das informacións do último número do xornal, non semellan estas falaren en clave de cifras, pois, segundo se recolle no último número do diario, este pechou o ano 2012 como o xornal de maior crecemento da prensa de Galicia, segundo o Estudio General de Medios (EGM), cun 34,29% de suba, que lle permitiu acadar os 38.000 lectores. Mais de números si falarían no consello de administración de Galicia Proxectos de Comunicación, S.L, antes de decidiren trancar esta porta ao idioma, mais logo de lle outorgaren, no último día de 2012, desde a Xunta de Galicia, a nada desprezábel cantidade de 250.000 euros en concepto de axudas a medios de comunicación en galego. Velaí a mellor maneira de evitar unha próxima convocatoria oficial de apoio e reforzo da presenza real do noso idioma na prensa, quer por non existir suxeito activo que auxiliar quer por non llo conceder en exclusiva ao único xornal impreso ao que accedermos nos quiosques ou por subscrición, o semanario Sermos Galiza.

E mentres uns pintan sombras no horizonte, nós, estas, aqueles e aqueloutras teimamos na forza do grupo, do clan, da tribo, para gorecérmonos da chuvia e da saraiba, para voltarmos, máis unha vez, con alento, a transfundir vida na Quintana dos mortos ao ritmo da alborada rosaliana:

Vaite, noi-
te, -vai fuxin-
do. - Vente, auro-
ra, -vente abrin-
do, -co teu ros-
tro -que, sorrin-
do, - ¡¡a sombra espanta!!

Comentarios