Opinión

Unidade sen protagonismo partidario

Os últimos movementos sobre o taboleiro político

Os últimos movementos sobre o taboleiro político están a contribuír a despexar incógnitas e abren campo a especulacións con certo fundamento no debate sobre a fórmula de concorrencia do nacionalismo galego e a esquerda non bipartidista ás próximas  xerais de novembro.

No mundo das Mareas e de Podemos, os pasos cara á unha confluencia perfílanse con relativa clareza. A formación de Pablo Iglesias fixo unha concesión formal, a de transixir con que o seu nome apareza en segundo lugar na marca coa que unha eventual plataforma conxunta podería ir ás urnas. Isto é, pasaríamos de Podemos-Marea Galega a Marea Galega-Podemos.

E esta unha concesión suficiente para Anova, a formación que lidera Beiras? A xulgar polo ambiente que se palpa nas redes sociais e na contorna máis próxima ao líder, todo apunta a que si, mais existe consenso sobre que a posición final da organización a respecto da fórmula de concorrencia aos comicios a acabará decidindo o veterano político de Brión, como fixera, aliás, nas eleccións europeas de maio de 2014 (daquela resolveu ir con IU no canto de con Podemos).

A cuestión básica aquí é se unha candidatura galega de unidade que aspire a ter un grupo parlamentar autónomo e soberano se pode construír sobre a base do protagonismo dun grupo específico, neste caso Podemos

Mais a cuestión básica aquí é se unha candidatura galega de unidade que aspire a ter un grupo parlamentar autónomo e soberano se pode construír sobre a base do protagonismo dun grupo específico, neste caso Podemos, que reclame a súa visibilización na denominación da candidatura. Este non é un tema menor. Podemos demanda aparecer como tal porque se postula como o actor principal do que antes chamaban ruptura e agora prefiren chamar cambio, un pouco na esteira da terminoloxía empregada polo PSOE en 1982.

Non parece aceptábel dun punto de vista galego -xa non nacionalista, senón simplemente galego- asumir que a "centralidade" do proceso de cambio a marque non unha organización do país, senón estatal, e alén de máis, tan xerárquica e centralizada como Podemos. E se alguén pon en dúbida o adxectivo "centralizada" é ben lembrarmos que Breogán Riobóo admitiu no seu momento que a política de alianzas coas Mareas estaba condicionada polos acordos adoptados pola formación no congreso de Vista Alegre (Madrid).

Comentarios