Opinión

Unha historia de perdedores en tempos de crise. Reflexión sobre o turismo.

Cada vez estase facendo máis evidente que este longo período de crise económica non o é para todo o mundo. Os ricos, os grandes capitalistas ou o mercado, como se adoita decir, non só non viron diminuír as súas ganancias, senón que moitas veces as incrementaron.

Cada vez estase facendo máis evidente que este longo período de crise económica non o é para todo o mundo. Os ricos, os grandes capitalistas ou o mercado, como se adoita decir, non só non viron diminuír as súas ganancias, senón que moitas veces as incrementaron. Nun escenario definido por unha elevada taxa de paro, facilidades para o despedimento de traballadores e recortes salariais, os empresarios e o sector financeiro teñen máis doado sobreexplotar. Neste contexto apreciamos un debilitamento forte das prácticas do turismo. As vacacións remuneradas, a obtención dun excedente para gastar en lecer dos empregados e obreiros baixou tanto, mesmo desapareceu, que moitas persoas renunciaron a disfrutar de viaxes, de descanso fora da casa, polo menos até que a crise non se supere. O turismo de masas fora unha conquista sindical na época posterior a 1945, e agora que se derruban esas vitorias parciais, tamén as prácticas vinculadas ao lecer son severamente restrinxidas.

"O turismo de masas fora unha conquista sindical na época posterior a 1945, e agora que se derruban esas vitorias parciais, tamén as prácticas vinculadas ao lecer son severamente restrinxidas".


Ademais, o turismo desde o punto de vista da oferta posúe outra implicación: permite situar aos diferentes territorios e países, co mellor que teñen, no mapa global dos lugares. Facerse visible significa ser recoñecidos desde o exterior como unha realidade nacional, como un país ou como un territorio con personalidade. Un turista que se despraza a Benidorm ou a Fuengirola está visitando, na súa percepción interna e así foi estudado, España. Tamén se vai a Barcelona ou a Bilbao, pero con moitos matices. Todos os visitantes coñecen a existencia dunha sociedade e cultura vasca e catalá, saben que unha boa parte dos habitantes desas cidades están a favor da independencia, da soberanía, de reforzar a presenza das súas respectivas nacións no mapa europeo e mundial. E isto, aínda que as referencias ao vasco non sexan as centrais e posúan certa banalidade (Museo Guggenhein, pintxos, gastronomía, etc.), o mesmo que ao catalán (Gaudí, o Eixample, Picasso, etc.). O feito de que o goberno español actual procure impulsar a “marca España” no estranxeiro (por certo unha marca de orixe turística), posúe como finalidade non tanto atraer máis como eliminar referencias a Galicia como país, a Mallorca como illa catalá e, de paso, españolizar o País Vasco e Cataluña. Unha Cataluña que, non o esquezamos, segue a publicitar o seu territorio en clave identitaria, o que se traduce en que sexa a Comunidade Autónoma do Estado Español que recibe máis turistas (uns 14 millóns ao ano), por enriba dunhas Canarias, Valencia, Andalucía ou Madrid, máis achegadas á marca España. No extremo oposto, a destrución da marca turística Galiza desde 2009 (o “gárdasme un secreto” fronte a “Galicia é única” e “as palabras luscofusco, onda ou brétema posúen uns sons que expresan sensacións que non se poden traducir e experiencias que só coñeceras se nos visitas”), fai que tivésemos os peores resultados de viaxeiros e de xeración de riqueza no sector nos últimos quince anos.

"A destrución da marca turística Galiza desde 2009 fai que tivésemos os peores resultados de viaxeiros e de xeración de riqueza no sector nos últimos quince anos".

Fronte a todo isto, cómpre formular unha resposta, trazar unha política alternativa e posible. En primeiro termo, reivindicar o dereito ao lecer, por suposto ás vacacións remuneradas. Isto semellaría ridículo hai uns anos, pero co retroceso nas condicións laborais, a sobreexplotación tradúcese en incremento real da xornada laboral en moitos negocios e no encadeamento de contratos de duración limitada, que restrinxen de feito o tempo reservado ao descanso contabilizado en horas ao día ou días ao ano. O capitalismo serodio do presente procura eliminar dereitos básicos dos traballadores, como o de coñecer lugares, descubrir outras culturas, informarse sobre o patrimonio ou a gastronomía de fora. O turismo, sen dúbida, reséntese de todo isto. Semella que os poderes económicos quixeran voltar á orixe do capitalismo, ao Grand Tour dos séculos XVII ao XIX, ao turismo reservado tan só ás elites rentistas que se poden pagar longas vacacións nos lugares máis pracenteiros do globo. Este comportamento tamén se basea no intento de privatizar o mellor, o exclusivo, por parte dos grupos dominantes.

En segundo lugar, a imaxe turística crea país, crea identidade nacional. Nisto cómpre ser claros. A opción sen reservas pola “marca España” dos últimos anos levou ao turismo de Galiza a unha crise fonda. Por iso, debemos explicar que non somos unha rexión mediterránea, con destinos de Sol e Praia, que as touradas son excepcionais e impopulares na nosa sociedade e que non practicamos o flamenco, preguntas que a maioría dos turistas foráneos nos farán se nos comercializamos tan só baixo o lema “Visit Spain” ou “Enjoy Spain”. Somos atlánticos, posuímos paisaxes ricas en vexetación, verdes como Irlanda ou Bretaña, un abundante patrimonio cultural comezando polo Camiño de Santiago, unha gastronomía moi rica e variada, e falamos unha lingua de poetas e escritores. Somos unha parte da vella Europa das pradeiras e das rías que miran ao Atlántico, coas vantaxes de estar na Península Ibérica, disfrutar de máis horas de Sol que os británicos, e cultivar unha variante das falas lusas, agora que Brasil vai camiño de converterse nunha gran potencia.

 "A opción sen reservas pola “marca España” dos últimos anos levou ao turismo de Galiza a unha crise fonda"

Nación e dereitos dos traballadores como base de defensa dunha actividade turística propia, pero non só iso. A actividade turística sitúase como un dos sectores económicos capitais para xerar crecemento e un desenvolvemento máis equilibrado. Para isto, abonda seguir exemplos de novas nacións europeas como Croacia ou Estonia que, unha vez acadada a súa independencia, conseguiron afirmarse como destinos moi atractivos, onde o turismo supón máis do 15% do seu PIB (en Croacia moitos anos preséntase como o principal xerador de riqueza). Ademais, o turismo crea emprego abundante, con menos contrastes salariais que o sector industrial, aínda que debamos estar atentos á temporalidade dos postos de traballo e á tendencia á flexibilidade permanente dos cadros de persoal. Se Galiza adoitara unha estratexia propia de saída da crise, o turismo constituiría un dos catro ou cinco sectores básicos para potenciar nas novas políticas de crecemento (xunto ao agroalimentario, a construcción naval, a mecánica, o téxtil, o I+D vinculado ás TICs, etc.). Polo tanto, unha simple actividade que os vellos economistas burgueses consideraron “non produtiva” ten que interpretarse agora como punteira, reafirmadora da identidade nacional e, sen dúbida, un termómetro da consolidación ou retroceso dos dereitos da clase traballadora.

Comentarios