Opinión

Unha de tópicos

Din dos galegos e galegas que nunca dicimos o que pensamos. Pode ser. Eu mesma lembro con claridade un consello paterno: “es libre de pensar como queiras, mais que ninguén o saiba nunca”. Falabamos de política. É evidente que desatendín o consello. En realidade, sempre considerei que os tópicos sobre nós partían de prexuízos, de mentes incapaces de entender o modo de ser dos galegos e galegas.

Din dos galegos e galegas que nunca dicimos o que pensamos. Pode ser. Eu mesma lembro con claridade un consello paterno: “es libre de pensar como queiras, mais que ninguén o saiba nunca”. Falabamos de política. É evidente que desatendín o consello. En realidade, sempre considerei que os tópicos sobre nós partían de prexuízos, de mentes incapaces de entender o modo de ser dos galegos e galegas. Mais sería inxusto dicir que o malo vén sempre de fóra. A nación ten creatividade suficiente para alimentar creacións propias e idear visións tópicas. De feito, nesta lexislatura -que remataron abruptamente Patxi López e os intereses de Rajoi por despexar terreo para os recortes- temos exemplos paradigmáticos.

Tópico un. Feijoó fixo bastante, tendo en conta as circunstancias. Sería máis correcto afirmar que desfixo bastante. Tres anos e seis meses onde a súa única obsesión foi desfacer. Desfixo o concurso eólico. Desfixo as caixas galegas. Desfixo na sanidade e educación públicas. Desfixo na nosa lingua e cultura propias. Desfixo base produtiva. Sería lóxico, que o contraste fóra entre o que prometeu e os resultados. Lembremos. Prometeu -nada máis e nada menos!- rematar coa crise en corenta e cinco días e a súa presidencia deixa a Galiza á cabeza do estado na destrución de emprego e na emigración xuvenil.

Tópico dous. Non hai oposición. Numerosos opinadores e articulistas teimaron en estender a idea de que non había oposición a Feijoó. As numerosas manifestacións (en número e asistentes) indicaban o contrario. As iniciativas que defendeu o BNG, sinalaban na dirección contraria. Mais xa se sabe, o que non sae nos medios non existe! A receita é ben simple.

Tópico tres. A culpa é da política e dos políticos. Hai unha parte de razón. Efectivamente, hai responsábeis políticos nesta situación, mais a culpa non é da política en abstracto. Serán responsábeis os que abrazaron este modelo disparatado e inxusto de UE; serán responsábeis os que alimentaron a burbulla financeira e inmobiliaria; serán responsábeis os que durante décadas artellaron un sistema fiscal inxusto e desigual; serán responsábeis os que votan a favor de recortar dereitos. Serán responsábeis os que traizoaron a Galiza coa súa submisión a Madrid. É dicir, serán responsábeis os que nos gobernaron durante décadas e alimentaron este sistema neoliberal que fai augas por todas partes.

Agardo que, mais unha vez, galegos e galegas rompamos o tópico. Galiza nin é conservadora, nin resignada. Vímolo nas folgas xerais ou nas mobilizacións contra os recortes. Os galegos e galegas saíron en masa a demostrar o seu descontento e desacordo con políticas tan inxustas como inútiles para loitar contra a crise. Sentímolo o pasado 25 de xullo ateigando as rúas compostelás na manifestación convocada polo BNG, que demostrou a súa vitalidade e fortaleza nun contexto non exento de dificultades e atrancos. Ninguén nos dixo que isto fóra fácil! No horizonte temos un novo reto, as eleccións do vindeiro 21 de outubro. Sería pretencioso ditar agora veredicto, só sei que o BNG non lle fallará a Galiza.

Comentarios