venres 03.07.2020

Unha de indios e galegos

"Os indios séntense máis estadounidenses que calquera outro cidadán deste país", contestou ofendida unha amiga ianqui á saída dun espectáculo musical no escenario incomparábel das badlands de Montana. O western-cabaret ao que acabábamos de asistir discorría ao redor da historia estadounidense desde as súas orixes, a finais do século XVIII, até principios do século XX.

"Os indios séntense máis estadounidenses que calquera outro cidadán deste país", contestou ofendida unha amiga ianqui á saída dun espectáculo musical no escenario incomparábel das badlands de Montana. O western-cabaret ao que acabábamos de asistir discorría ao redor da historia estadounidense desde as súas orixes, a finais do século XVIII, até principios do século XX. A historia da colonización en menos dunha hora. Daí a miña estrañeza e consecuente pregunta sobre a ausencia, seica intencionada, de indíxenas americanos nunha peza teatral con grandes doses de exaltación patriótica.

Miles de valentes irlandeses, ingleses, xermanos, polacos, rusos... collían carro e espingarda, deixaban atrás a vida miserábel que en plena revolución industrial atoparan ao desembarcar nas cidades masificadas do leste, e tiraban millas. Millóns de acres dunha beleza e riqueza natural sen igual; centos de miles de cervos e búfalos que eran presa fácil dos rifles nas vastísimas chairas.  Terra para todos, nin problemas de lindes había. E polo que se deducía do musical, nelas tampouco había indios. Máis tarde aprendín que foran retirados do espectáculo por corrección política, xa que logo causaba algo de controversia retratar aos nativos americanos como homes salvaxes que a forza de cortar cabeleiras de colonos gañaran a pulso o seu destino: o exterminio – e a de millóns de búfalos masacrados para acabar con eles por inanición – e os campos de concentración (reservas).

"Terra para todos, nin problemas de lindes había. E polo que se deducía do musical, nelas tampouco había indios"

Á miña amiga de Dacota do Norte non lle molestou a miña pregunta, molestoulle que preguntase, como quen pregunta a un asasino arrepentido que como é que pode seguir vivindo coa morte allea na conciencia. "Ou me suicido ou tiro millas". Estados Unidos tira millas.

A min tampouco me causou ningunha sorpresa a súa resposta. E é que, igual que imaxino a un indio insubmiso co destino único desprezando a bandeira de barras e estrelas, podo concibir tamén a imaxe dun síux vestido de traxe e garabata dicíndolle ao compatriota refractario: "Mira, meu; eu considérome síux e estadounidense, as dúas cousas. E, desde logo, son tan síux coma ti, ou máis!". En inglés, claro. O siuxianqui é o herdeiro natural daquel outro que poucos anos atrás devecía por usar as chaquetas de botóns dourados dos soldados ianquis ou os seus extravagantes chapeus (seica sensacións parecidas experimentaron aqueles galepañois que, en varios concellos, agardaron horas en ringleira para poder tocar unha réplica dourada da copa do mundo de fútbol).

"Lembreime das vellas películas de vaqueiros, onde actores de ollos azuis e enzoufados en betume facían de indios. En Madrid non precisaban de maquillaxe, bastaba con deturpar o acento"

Desde fóra, sen embargo, como espectadores alleos a esta performance teatral, resúltanos estraño caracterizar a un indio síux como ianqui. Un exercicio de imaxinación aínda máis difícil que aquel que ten que facer un estranxeiro para non confundir cun español a un galego que renega de segundas patrias entre a ridiculización sonora e masoquista de moitos dos seus conterráneos. Lembreime das vellas películas de vaqueiros, onde actores de ollos azuis e enzoufados en betume facían de indios. En Madrid non precisaban de maquillaxe, bastaba con deturpar o acento.

Con todo, os dous casos, o exótico e o do país (vaia por diante que non hai nada máis triste que chegar a ser exótico no teu propio país), redúcense a unha cuestión de conciencia étnica, tribal, nacional; en suma, de identidade colectiva. Sabemos que non se trata dunha cuestión banal. Para a gran nación síux, abrazar a nacionalidade estadounidense supón reducir a súa identidade tribal – e con ela, os seus intereses colectivos no plano social, económico e cultural – a unha cuestión anecdótica dentro do conxunto "global" USA, arrombada nun espazo máis marxinal que o que ocupan os guetos negros, chineses ou hispanos, e sen se saír dese guión preestablecido para as migracións de segunda no teatro do soño americano.

A decantación da identidade síux da nacionalidade estadounidense representa, pola contra, o berro reivindicativo dun pobo espoliado, con voz nidia e independente do espoliador, que demanda o seu dereito a desenvolverse no mundo en plenitude e sen sometemento a negocios alleos, 

"Eu son un indio", díxenlle á miña amiga. Con sentido pesar ela dime que non, que eu vivo mellor. E seguimos falando doutra cousa.