Opinión

Un tal Sánchez

Nunha carta ao director do Faro de Vigo, nin siquera entre as noticias, acabo de ler que o claustro do instituto de Tui decidiu cambiar o seu nome, que ata agora honraba ao noso filósofo Francisco Sánchez, coñecido como “o Escéptico”.Esa noticia provócame vergoña allea e... por que non dicilo? un pouquiño de noxo.

Nunha carta ao director do Faro de Vigo, nin siquera entre as noticias, acabo de ler que o claustro do instituto de Tui decidiu cambiar o seu nome, que ata agora honraba ao noso filósofo Francisco Sánchez, coñecido como “o Escéptico”.

Esa noticia provócame vergoña allea e... por que non dicilo? un pouquiño de noxo. Seguramente a maioría do profesorado, dese centro e doutros, (a ver como o dicimos sen ferir sensibilidades) non ten unha opinión perfectamente formada sobre a importancia dese tal Sánchez. Ou sexa, que nin puta idea de quen viña sendo o ghebo. Pola contra, o profesorado dese claustro si coñece ao sustituto dese tal Sánchez, un eximio profesor de secundaria que chegou ao centro a comezos do século XXI e que, entre outros méritos, e en só dez anos, foi xefe do seminario de física, formou parte do equipo de normalización lingüística, ocupou cargos directivos ou colaborou no paso de centro LOGSE a centro LOE... Logros todos que en ningún caso, nin de preto, acadou o filósofo escéptico. De aí o cambio.

Débese engadir, en descargo dos e as que ergueron o brazo na votación para desterrar a Francisco Sánchez, que o sustituto,  Indalecio Pérez Tizón, falecera sendo novo apenas uns meses antes e quizais, impactados pola dor, os seus compañeiros e compañeiras non se pararon a pensar noutros xeitos de homenaxealo. Outra posibilidade é que alguén o suxerise, aproveitando de paso para fulminar o Escéptico, e ninguén no claustro se atreveu a opoñerse para non ser acusado de insensíbel ou mesmo inhumano.

En calquera caso, Francisco Sánchez está afeito ao esquecemento dos seus compatriotas e tampouco agora vai mostrar rencor. Os que entre vós oísedes falar del tendes un mérito superlativo porque eu mirei catro historias de Galiza que teño a man e ningunha o menciona, non existe. Nalgunha máis nova e quizais polo labor de Darío Álvarez Blázquez, que contribuiu a que se lle dedicase o nome do instituto, ten unha entradiña menor que as de Antolín Sánchez Presedo ou Arancha Sánchez Vicario.

Si que ten o seu artigo propio na Enciclopedia Británica ou nun diccionario de filosofía da universidade de Cambridge. Da ausencia nas nosas historias non vén a conto botarlle a culpa a ninguén, por moito que un se esforce sempre ten que quedar alguen fóra, e non ían ser Gayoso ou Manquiña, por exemplo. Ademais, como vai aparecer Francisco Sánchez nas Historias se nin sequera hai quen atope un libro seu nas bibliotecas nin nas librerías máis grandes? Nin encargándoo. Un verdadeiro fracasado.

O certo é que Sánchez non só é o maior filósofo que deu Galiza senón que resulta unha figura chave nos comezos da era moderna en Europa, o primeiro autor en falar de “método científico” e un piar coma poucos nas filas do escepticismo, mestre de Spinoza, de Descartes (que fixo máis que inspirarse nel) ou de Hume e compañeiro de viaxe de Montaigne ou Giordano Bruno. O seu Quod nihil scitur é probabelmente o libro máis apaixoante que escribiu nunca un galego e compendia criticamente toda a filosofía anterior, e sobre todo a posterior!

Un espabilado, vaia. Se os galegos non lle facemos nin puto caso, que se foda. Será por filósofos... Filósofos témolos nós así, coma puños. Dámoslle un couce a un terrón e saen filósofos como area, p’a aburrir, non é?

Comentarios