Opinión

Un roubo e un cúmplice: Feijóo

Feijóo non sabía a que se dedicaba Dorado cando viaxaban no iate ou partillaban festas

Feijóo non sabía a que se dedicaba Dorado cando viaxaban no iate ou partillaban festas, mas a sociedade galega tampouco sabe ben a que se ten dedicado Feijóo durante todo o tempo decorrido desde o estourido do sistema financeiro galego até estes últimos días. En realidade, non se ten dedicado a nada produtivo para o país. Expresouno ben Jorquera no Pleno do Parlamento galego: o presidente do goberno galego é máis un tertuliano de El Gato al Agua -coñecido bodrio televisivo da caverna españolista- do que o xefe dun Executivo. Non é só que teñamos un presidente marcado polo pasado, é que non temos presidente a tempo completo. E case mellor. Que descanse. Que se vaia para casa.

O mesmo Estado que entrega o 3% do PIB español á banca pasa logo unha factura de 500ME a 40.000 familias galegas

Esta semana vivimos o enésimo capítulo da maior estafa sofrida por este país na súa historia contemporánea. O FROB, órgao criado após un pacto PP-PSOE no Estado, certificou as quitas que se aplicarán aos aforros das vítimas do calote das preferentes. No caso dos que tiñan o seu diñeiro en Novagaliciabanco, o roubo ascende a 500 millóns de euros. 500 millóns de euros volatilizados. Estamos a falar do 0,5 por cento do PIB galego. 500 millóns de euros que se retiran da circulación, do consumo, da criazón de riqueza.

Feijóo dirixe o Partido Popular de Galiza e os seus deputados en Madrid votaron contra as quitas. Isto é, votaron a favor do saqueo. O roubo ten un cúmplice necesario: o PP galego. E non só por omisión, senón tamén por acción (votaron a favor das quitas en Madrid, reteñan este simples dado, que a imprensa amiga de Monte Pío nunca porá en destaque).

NGB é hoxe un banco propriedade do Estado. O mesmo Estado que asume incrementar o déficit público en 3 pontos do PIB estatal (arredor de 30.000 millóns de euros) que se destinan a sanear a banca privada pásalle logo unha factura de 500 millóns de euros a unhas 40.000 familias galegas. Difícil imaxinar unha maior aldraxe para o noso país. Difícil imaxinar un presidente máis indigno neste momento que Feijóo, que nada fai para defender os intereses de Galiza, que se limita a atacar retrospectivamente ao goberno de Zapatero, e até o bipartito!, co argumento de que foi durante a súa xestión cando se vendeu o maior número de preferentes.

Finxe esquecer unha cousa o señor Feijóo: foi un goberno Aznar o que regulou (e á vista está que mal regulou) as participacións preferentes. Foi un goberno PP o que criou o marco legal que permitiu o saqueo.

Comentarios