Opinión

Un presidente, para que?

O hemisferio sur renovou o pensamento político de Feijóo. A súa visita a Sudamérica non trouxo réditos económico para Galiza, mais si unha nova dimensión da representación política. Coa súa habilidade mediática para transformar “polbo en animal de compañía” pretende que aceptemos que reducir o Parlamento galego non resta representatividade democrática.

O hemisferio sur renovou o pensamento político de Feijóo. A súa visita a Sudamérica non trouxo réditos económico para Galiza, mais si unha nova dimensión da representación política. Coa súa habilidade mediática para transformar “polbo en animal de compañía” pretende que aceptemos que reducir o Parlamento galego non resta representatividade democrática. Sobre a escusa do aforro mellor nin deterse, só dicir que o coste das variadas campañas de propaganda que desenvolveu o PP en tres anos multiplican varias veces o gasto do Parlamento das próximas lexislaturas.

O verdadeiro obxectivo é sepultar as institucións do país da man de quen non cre que exista tal. As subdelegacións do goberno ou as deputacións non se poñen en cuestión. Só se dirixe a lóxica indignación e rabia das persoas que perden o seu traballo e a súa vida cara ás institucións galegas. O PP non tivo escrúpulos para desprestixiar á todo o público, desde os e as funcionarios até os políticos e políticas. Eles saben que non necesitan da democracia para gobernar, o saben por herdanza e por ideoloxía.

Agora é o momento de que a débeda financeira a pague a democracia. Sobre a base de que sobran políticos, o plan do PP é desfacer o estado das autonomías. Voltar a un mapa rexional con só dúas excepcións posíbeis. Nesa folla de rota o papel de Galiza podemos imaxinalo na mente de Feijóo. Ser canto antes rexión do noroeste e perder o incómodo título de nacionalidade histórica. O comezo xa está servido: redución da figura do Valedor do Pobo, redución do Parlamento galego e absoluta submisión á delegación do goberno de Madrid. Os deputados e deputadas están de máis para un presidente que lle sobra a autonomía, a lingua, a cultura galega, ... que lle sobra Galiza.

Con esta situación por diante todo é posíbel. A dereita consigue día a día situar a política nun nivel de demonización tal que o seguinte paso da certo medo. Cuestiónase a representación e non o cumprimento ético e político da mesma. Non son as prácticas, os comportamentos ou os erros do sistema. Esta é unha ofensiva directa ao sistema democrático, do mesmo xeito que se fai coa función pública e os seus empregados e empregadas.

A maior das trampas de Feijóo reside en potenciar a representación de Lugo e Ourense a costa de reducila en Pontevedra e Coruña. O reparto do peso político das provincia avellentadas do interior responde a mesma estratexia que a de reformar unha lei electoral as portas de convocar unha eleccións. Todo vale para estar no poder. A seguinte pregunta sería para que quere o poder un presidente que non fixo nada por Galiza, que pasará a historia pola pésima xestión económica e o baleirado de contido político e democrático das súas institucións.

Supoñemos que para conseguir chegar a Madrid como o galego manso que conseguiu acabar coa esa terceira nacionalidade histórica que sobraba. Que lle aproveite a recompensa! 

Comentarios