Opinión

Un pequeno agricultor de Indiana e a privatización do coñecemento

No pasado mes sorprendinme a min mesma lendo sobre a realidade distante dun agricultor estadounidense. Un agricultor que se enfrontaba a unha multa duns 60.000 euros polo simple feito de gardar parte da súa colleita para volver plantala no ano seguinte. A verdade é que a noticia chamou a miña atención debido á relación que se establecía entre as Multinacionais agrarias e de produción de software privativo.

No pasado mes sorprendinme a min mesma lendo sobre a realidade distante dun agricultor estadounidense. Un agricultor que se enfrontaba a unha multa duns 60.000 euros polo simple feito de gardar parte da súa colleita para volver plantala no ano seguinte. A verdade é que a noticia chamou a miña atención debido á relación que se establecía entre as Multinacionais agrarias e de produción de software privativo. Un destacado aseguraba que as dúas grandes corporacións produtoras de software privativo do mundo, tamén estadounidenses, apoiaban publicamente á Multinacional que reclamaba esta indemnización por parte do agricultor. A reflexión é igualmente perigosa nun e noutro ámbito tendo en conta ademais que detrás da multinacional do sector agrícola ten existido polémica sobre transxénicos ou sobre as sementes terminator.

Mais o realmente alarmante é o discurso que se vai conformando para debuxar un presente no que: o que se privatiza é o coñecemento. De feito a noticia adquiría matices contraditorios e case cómicos cando a Multinacional Agraria dicía que eles investían moito diñeiro en investigación ao día e que tiñan dereito a recuperalo para investir en I+D, bolsas ou investigacións. E máis abaixo os gardiáns da tecnoloxía privativa, vaia tamén do coñecemento privativo, puntualizaban que o Tribunal Supremo tiña que fallar en contra porque senón darían lexitimidade á copia ou réplica de programas de software pero que non podían ser tampouco demasiado estritos porque senón moito software de características similares sería considerado unha copia. Pero en que quedamos? Eu non sei que entendedes vós mais eu entendo: - Depende para cada caso concreto dos meus intereses como multinacional.

Atopamos aquí o que na miña opinión é un dos conflitos máis importantes do noso tempo, unha das guerras silenciosas que libran contra nós robustos poderes económicos que están introducidos no cotiá do noso acceso ao coñecemento colectivo cultivado por cada pobo, pequena comunidade ou grupo ao longo da historia. Un contexto que me deixa absolutamente pasmada ante a falta xeral de repostas diante da asunción case automática de soportes, software e contidos tecnolóxicos varios, procedentes na súa meirande parte daqueles poderes que están a fabricar unha máquina do pensamento e coñecemento colectivo para uns poucos.

"O que imaxino é que toda a tecnoloxía de base sobre a que hoxe producimos textos, creamos ideas ou publicamos investigacións estará condicionada polas ferramentas que se vaian impoñendo co tempo".

De todas as maneiras gustaríame destacar o dinamismo e interese que teñen na actualidade os movementos a favor do software libre, das licenzas Creative Commons (http://gl.wikipedia.org/wiki/Creative_Commons), etc. O certo é que teñen unha enerxía e actividade sorprendente se contrastamos co contexto inmobilista no que vivimos. Se tivese que destacar unha idea que me sorprendese nos últimos 10 anos sen dúbida falaría da idea do Coñecemento Libre, do Sofware Libre e de todo o que leva implícito. Un movemento que coñezo de preto no ámbito das iniciativas de empresas galegas de software libre (Agasolhttp://www.agasol.org/) e que identifico como vivo, actual e absolutamente necesario. Ademais de ser un movemento que entronca de xeito moi interesante con discursos sobre a soberanía desde a perspectiva tecnolóxica con todo o que isto implica na economía, educación ou sanidade, por exemplo.

Son coñecedora de que moitas persoas, institucións e grupos teñen reaxido diante desta situación mais o que realmente produce en min impotencia e desasosego é a naturalidade coa que nos brindamos á dependencia tecnolóxico-privativa absoluta cando aínda temos oportunidades de ser protagonistas e xeradores da nosa propia tecnoloxía, unha tecnoloxía sobre a que logo depositaremos todo o noso saber.

Se cadra ten certa dificultade imaxinar como se debuxará o mundo futuro en canto ás bibliotecas do coñecemento, se cadra pensamos que o noso coñecemento está protexido e que todas as mudanzas ás que nos enfrontamos non terán relevancia algunha. Mais penso, coa posibilidade evidente de equivocarme, que non será así en absoluto. O que imaxino é que toda a tecnoloxía de base sobre a que hoxe producimos textos, creamos ideas ou publicamos investigacións estará condicionada polas ferramentas que se vaian impoñendo co tempo. E por suposto que dentro deste contexto de potenciación das grandes multinacionais do coñecemento, do software ou dos buscadores veremos como estes axentes loitarán pola custodia e dominio dese saber xerado ao longo de miles de anos.

Detéñome nestes exemplos porque se me limitase tan só ao software poderiamos ver a situación de xeito distante e demasiado técnico. Pero debemos ter moi en conta que a produción de software na actualidade é na miña opinión case comparable coa produción de texto impreso noutras épocas. É a linguaxe sobre a que traballan millóns de persoas cada día producindo libros de texto, xogos educativos, bases de datos, plataformas de teleformación, xornais, aplicacións para a industria, institucións, sanidade, etc. E todo isto ten dous evidentes e contraditorios camiños: un o do traballo sobre códigos abertos nos que pode colaborar calquera universidade, institución ou pequena empresa e outro pechado no que non podemos cambiar o programa no que despois imos introducir o noso coñecemento porque quen fai o código quere que permaneza oculto para que ninguén o mellore, traduza a outra lingua ou adapte a outros usos.

"O que imaxino é que toda a tecnoloxía de base sobre a que hoxe producimos textos, creamos ideas ou publicamos investigacións estará condicionada polas ferramentas que se vaian impoñendo co tempo".

E se vos dixesen que é posible aínda elixir, que podemos sumarnos a un modelo no que o coñecemento do software, é dicir dos programas, é aberto e colaborativo? Pois ese camiño existe e se pode transitar coma todos os camiños con esforzo, traballo e vontade de aprender. Só temos que familiarizarnos con este contexto e con estas ideas, coñecer o que hai ao noso redor, preguntar, ler, documentarnos. En realidade vainos levar o mesmo tempo que nos leva asumir e dominar moitos dos programas informáticos que nos impoñen.

Hoxe xa non é tan lonxano e dificultoso aproximarse ao Software Libre -SwL-. Se vos digo que OpenOffice ou LibreOffice é software libre, ou o navegador Mozilla Firefox, ou o sistema operativo Ubuntu, ou mesmo a plataforma de teleformación Moodle, ou o sistema operativo Android dos nosos tablets ou teléfonos móbiles? Se cadra cun pouco de esforzo, estudo e paixón aínda estamos a tempo de ir gardando e recreando a nosa historia, lingua, saber, etc. nuns soportes de software que teñen a posibilidade de ser nosos agora e no futuro.

Comentarios