Opinión

Un artigo demagóxico sobre as Preferentes

  E mira que me aborrece a min o asunto económico, e mira que nunca pensei que escribiría sobre isto. Pero vai ter que ser e vou ter que escribir sobre as Preferentes. E ademais, mira, vou facer un artigo demagóxico. Un texto destes  que cando o lean os chicos de Feijoo ou de Rajoy (home, tampouco lles custaba nada galeguizar o apelido e ser Feixxo e Raxoi, pero en fin...

E mira que me aborrece a min o asunto económico, e mira que nunca pensei que escribiría sobre isto. Pero vai ter que ser e vou ter que escribir sobre as Preferentes. E ademais, mira, vou facer un artigo demagóxico. Un texto destes  que cando o lean os chicos de Feijoo ou de Rajoy (home, tampouco lles custaba nada galeguizar o apelido e ser Feixxo e Raxoi, pero en fin...), aínda que me decato segundo o escribo, da parvada que é imaxinar que algúns destes ideólogos me lea a min ou este xornal no que nos expresamos, dicía, que me perdo, que no caso de que me lesen, apresuraríanse a dicir que son un demagogo.

Por hala, veña, imos facer demagoxia.

"Vou facer un artigo demagóxico. Un texto destes  que cando o lean os chicos de Feijoo ou de Rajoy apresuraríanse a dicir que son un demagogo"

Porque, xa sabedes, cando un di obviedades sobre o que habería que facer e que faría que todo mellorase, veñen tertulianos, articulistas (chicos de Feijoo e Rajoy) a dicir que iso é demagoxia.
Por exemplo: se dis que o que hai é que suprimir os exércitos para que toda esa pasta revirta na xente, fas demagoxia.

Ou se dis que o que hai que facer é prohibir os paraísos fiscais para que non se agochen os diñeiros aí, que é preciso ese capital para mellorar a vida da xente, daquela, fas demagoxia.

Ou se dis que por que non lle pedimos á familia real que se financie a si mesma, como facemos as familias irreais, é dicir, que se busquen un traballo digno e un piso de aluguer e viva a república e non sei que, daquela, fas demagoxia.

Ou se dis que os alcaldes, presidentes de deputación, da Xunta, ministerios e consellerías non deben meter cartos en publicidade nos xornais, porque en realidade o que fan é controlalos económicamente e facer que perdan a súa esencia de contrapoder, daquela, fas demagoxia.
Ou se dis que a administración debería dedicar todos os seus recursos ao benestar da xente e non reservarse, por exemplo, partidas para publicidade e autobombo e tal e tumba e veña e dalle, daquela, é que fas demagoxia.
Ou se dis que o que hai é que investir menos en inglés e computadores no ensino, e máis en galego, porque a UNESCO é o que recomenda, daquela, é que fas demagoxia.

E imos ás preferentes. Que non me esquecín delas.

"Se a xustiza ten claro que foi unha estafa, se o sistema legal ten claro que foi unha estafa, se os gobernos e os gobernantes saben que foi unha estafa, o seu, o lóxico, o normal, o ético, o decente, sería que lles obrigasen ás entidades bancarias a devolver íntegro absolutamente todo"

Porque leo por aí que vai haber unha "quita" que fará que algúns dos aforradores (xente maior que se fiou do seu director de sucursal de toda a vida...alguén terá que preguntarlle tamén a eles, aos mandos intermedios, ata que punto eran conscientes de que estaban a timar a persoas que ían dispostas a aceptar de boa fe o que a caixa lles ofrecía) perdan ata o 60 por cento dos seus cartos. E fascíname o asunto porque está a presentarse como un mal menor, como algo inevitable, como aínda menos mal. E Feijoo presumindo de arbitraxe e todo iso.

Mais, en realidade (agora vén a demagoxia, atendede, atendende) se a xustiza ten claro que foi unha estafa, se o sistema legal ten claro que foi unha estafa, se os gobernos e os gobernantes (pero claro, estes están compinchados cos banqueiros e o Capital) saben que foi unha estafa, o seu, o lóxico, o normal, o ético, o decente, sería que lles obrigasen ás entidades bancarias a devolver íntegro absolutamente todo, ata o derradeiro céntimo, sen quedar con nada posto que o que se perde é froito dunha estafa que eles causaron.

Iso sería o normal: que lles desen un calote e lles dixesen, devolvede os cartos xa, ladróns.
Pero claro, pedir isto, como é unha obviedade, é facer demagoxia.

Comentarios