Opinión

Ucraína, Crimea e o dereito a decidir

O golpe de Estado contra o presidente lexítimo de Ucraína, patrocinado polo conglomerado UE-EUA, acelerou os acontecementos

O golpe de Estado contra o presidente lexítimo de Ucraína, patrocinado polo conglomerado UE-EUA, acelerou os acontecementos até provocar un dos movementos sísmicos de maior potencial desestabilizador desde a conclusión da guerra fría.

Ao derrocar a Iakunovich por meios armados e ilexítimos -nun golpe no que tomaron parte forzas pro-nazis, que mesmo levan no seu programa o obxectivo da eliminación física dos "intelectuais pro-rusos"-, as potencias imperialistas occidentais apostaban na inserción de Ucraína na súa área de influencia.

Cómpre salientar que Iakunovich caíu en desgraza aos ollos de Washington-Berlín-Bruxelas por non querer asinar un acordo coa Unión Europea que o seu goberno achaba contrario aos intereses do seu país.

A aquela altura semellaba que a mellor solución para resolver a encrucillada era darlle a voz á sociedade e convocar un referendo sobre que opción debía tomar Ucraína: se ollar para Bruxelas ou facelo para Moscova. Esa era, entre outras, a proposta dos comunistas ucraínos.

Iakunovich caíu en desgraza aos ollos de Washington-Berlín-Bruxelas por non querer asinar un acordo coa Unión Europea que o seu goberno achaba contrario aos intereses do seu país

Infelizmente, a vía do referendo ficou fanada ao se producir a toma violenta do poder en Kiev, coa formación subseguinte dun goberno ao que se empoleiraban significados cadros do partido de inspiración nazi Sloboda.

Estes son os factos. A partir daí, Crimea tomou a única opción racional que tiña ao seu dispor: facer aquilo ao que Kiev (isto é, Washington-Berlín-Bruxelas) se opuña. Ou sexa: convocar un referendo. Obxetarase que o fixo baixo presión militar rusa, mais este argumento é propagandístico: as tropas de Moscova alí destacadas estano en función dun acordo previo entre Ucraína e Rusia (como hai bases norteamericanas no Estado español), e sería cínico esquecer que Crimea foi no seu día reintegrada a Ucraína por decisión rusa.

O que ensina a crise ucraína/crimea é que a chave para a solución dos conflitos non é a inxerencia imperialista, senón o dereito a decidir das populacións. Non hai dúbida nengunha: o referendo de Crimea ten toda a lexitimidade, o golpe filonazi de Kiev, ningunha.

Comentarios